Nota de Prensa
O obxectivo e racionalizar e rendibilizar estes espazos de titularidade pública
O CONCELLO CONTINÚA ESPERANDO QUE A TESOURERÍA DA SEGURIDADE SOCIAL LLE CEDA OS ESPAZOS LIBRES DA CASA DO MAR DE SAN CIPRIÁN PARA ADICALOS A USO PÚBLICO
* Hai dous anos que estes locais permanecen pechados
* O Concello leva tempo solicitado de xeito formal a xestión do edificio diante da Tesourería Xeral da Seguridade Social
* Pilar Armada e Yolanda Pedreira pensan que a Tesourería Xeral da Seguridade Social prefire que continúen pechados a pesares de que o Concello está disposto a asumir os custes de adecuación do edificio e o seu posterior mantemento
* As edís urxen dos responsables do Ministerio de Traballo unha resposta ás peticións municipais “rápida e clara”
Cervo, 16 de agosto de 2010.- O Concello de Cervo aínda non recibiu resposta algunha por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social para que lle ceda ao consistorio os locais da Casa do Mar de San Ciprián que actualmente se atopan baleiros.
Pilar Armada e Yolanda Garcia, concelleiras de Asuntos Sociais e Educación respectivamente, lembraron que o grupo de Goberno local leva dende hai tempo solicitado por escrito e en conversas cos responsables da Tesourería Xeral da Seguridade Social a xestión deste edificio “sen que a día de hoxe no Concello se recibira ningún tipo de resposta pola súa parte, e o tempo pasa en contra nosa para poder ubicar nestas instalacións o Punto de Atención á Infancia, tal e coma é a nosa intención” recalcaron.
Por iso, as representantes cervenses solicitan dos responsables deste organismo público que posúe a propiedade da Casa do Mar unha resposta “urxente e clara” sobre a súa petición. Na súa opinión o silencio desta administración dependente do Ministerio de Traballo e Inmigración amosa ”a desidia e o nulo interese” de colaborar co Goberno local “para racionalizar os espazos e inmobles públicos dos que dispoñemos e deste xeito rendibilizar ao máximo as posibilidades que ten este edificio de que tódolos cervenses se podan beneficiar duns locais que actualmente están sendo infrautilizados” salientaron.
“Hai dous anos que eses locais permaneces pechados e parece coma si a Tesourería Xeral da Seguridade Social preferira que continúen nese estado de abandono; e iso a pesares de que o Concello está disposto a asumir os custes de adecuación do edificio e o seu posterior mantemento. Pero aínda así, non son capaces de mandar ningún papel nin documento onde nos confirmen ou rexeiten as nosas peticións” recalcaron as dúas concelleiras.
De frutificar estas negociacións o Concello ten previsto situar nos baixos deste inmoble o Punto de Atención á Infancia municipal, mentres que o resto de locais baleiros destinaríanse para ubicar sedes de asociacións e aulas públicas para o desenvolvemento de actividades diversas.
Actualmente na Casa do Mar de San Ciprián están desocupados os locais que albergaban as oficinas do ISM e as dependencias do antigo centro de Saúde; así como varias aulas máis no andar superior. “Se a estes locais lle engadimos o salón de actos e as dependencias cuxa xestión depende do Concello temos un inmoble con moitas posibilidades de adecuación e reorganización para sacarlle un maior proveito para o conxunto dos cidadáns do municipio” lembraron as edís cervenses.
“O que pretendemos é sacar o maior proveito duns locais que non están sendo utilizados. Para iso, levamos moitos meses pedindo a colaboración das distintas institucións implicadas na xestión deste edificio e os únicos que non teñen amosado nin sequera un mínimo de respecto institucional son os responsables do Ministerio de Traballo co seu silencio e indiferenza; cousa que di moito da súa sensibilidade e do seu interese por colaborar en beneficio dos veciños e veciñas de Cervo” recalcaron as dúas representantes do Goberno local.