O sindicato sinala que acordo que puxo fin á folga dos puntos de atención continuada facía fincapé na necesidade de contar con «equipos completos» nestes centros sanitarios
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022. A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia lémbralle á Xunta que os acordos «están para cumprilos» e repróchalle a Alfonso Rueda a xestión das ausencias nos puntos de atención continuada (pac). O Goberno galego pretende que, en caso de ausencia do persoal médico, os pac estean atendidos por persoal de enfermaría, «unha decisión que vai en contra do acordo do 2019 que puxo fin á folga nestes centros», sinala o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Javier González.
O sindicato ve un «menosprezo» nas palabras de Rueda, quen anunciou que se lle dará formación ao persoal de enfermaría para este cometido e que o vindeiro 29 de novembro o trataría nunha xuntanza co Consello de Colexios Médicos de Galicia. «As enfermeiras e enfermeiros son unha profesión con entidade de seu e coas súas propias competencias e non substitúen ningunha outra profesión», sentencia González.
O sindicato aclara que os puntos de atención continuada son dispositivos asistenciais do ámbito da atención primaria que atenden a demanda non programada e aquela que non se pode demorar, como as urxencias e emerxencias, tanto no centro como na vía pública. «Todos estes escenarios pódense dar durante a actividade asistencial do pac», advirte o secretario xeral de CCOO-Sanidade.
O equipo de traballo habitual dos pac está formado polo persoal de servizos xerais (psx) ou celador, o persoal de enfermaría e o persoal médico. «Todos eles son imprescindibles para garantir unha axeitada asistencia sanitaria», incide González. Para CCOO, «non é aceptable» deixar algúns pac cun equipo «incompleto», amais e supoñer un problema para a continuidade asistencial e para a seguridade xurídica do persoal.
CCOO esixe cumprir os acordos
Desde CCOO-Sanidade lembran que todo o persoal dos pac de Galicia mantivo unha longa folga que comezou en outubro do 2018 e se converteu en indefinida en xaneiro do ano seguinte para esixir a mellora das súas condicións de traballo.
O acordo de fin de folga do 17 de xullo do 2019 recollía o compromiso da Administración de dotar os pac de «equipos completos» de persoal de enfermaría e médico, así como aumentar a dotación de persoal atendendo a criterios como a dispersión, a distribución por idade da poboación ou a distancia ata o hospital de referencia. Tamén se prevía o reforzamento de persoal nos momentos en que se producise un aumento puntual da poboación, como en festas, zonas turísticas ou eventos deportivos.
Este acordo, «que recolle a importancia de contar con equipos completos», asinouse no seo dunha negociación da Administración cos sindicatos da mesa sectorial —único órgano lexitimado para a negociación— e o comité de folga, e recolle a importancia dos equipos completos. «Non se pode entender, nin é admisible, que a Xunta, máis aló de non cumprir co prometido, adopte medidas que son contrarias aos acordos asinados», conclúe o secretario xeral de CCOO-Sanidade.