Discurso
En homenaxe aos percebeiros e percebeiras de Rinlo
Prezadas veciñas e veciños, amigos todos, estando aquí á beira do mar, en Rinlo, non podemos evitar gozar da paisaxe fermosa que nos rodea. A rasa que caracteriza á nosa costa probabelmente se deba tanto ao traballo inmenso das augas do Cantábrico, como tamén á acción das augas continentais. Día a día, e co permiso da bruma, obsérvana imperturbables o alto do Comado, os picos do Mondigo, A Coroa e o de Santa Cruz. Cara ao interior, os vales dos ríos Grande e Pequeno, agardan con devezo a brisa mariña que aloumiñe as súas ladeiras levemente inclinadas.
A metade de camiño entre os límites do noso concello, entre a bocana da ría de Ribadeo e a praia das Catedrais, Rinlo preséntasenos maxestoso ante a forza do mar. Na configuración da paisaxe rinlega desde logo que ten intervido a forza da natureza. Pero tamén os humanos que nela se foron establecendo, dándolle a este pobo unha fisionomía singular que cómpre conservarmos ao mesmo tempo que loitamos por saír adiante desenvolvendo a nosa actividade económica.
As lendas dos máis vellos do lugar rememórannos un porto baleeiro que pode chegar ata os 500 anos de historia. A afouteza dos seus mariñeiros foi ben recoñecida ao longo dos anos. Así nolo lembra a tradición popular:
Para facer ben a costeira,
mariñeiros rinlegos,
para botar contas, no porto,
mariñeiros focegos.
Todos os traballos comportan os seus riscos, as súas singularidades. Pero ás xentes do mar sempre as acompaña a lenda, o misterio das forzas da natureza encarnadas en ondas inmensas coa bravura de mil homes. O necesario respecto que lle hai que ter ao mar mestúrase coa sensación de medo ao descoñecido coa que se tiveron que enfrontar os nosos antepasados que sucaban os océanos sen os medios técnicos de que hoxe dispoñemos.
Dentro do mundo do mar hai actividades que comportan riscos especiais. E velaí nos atopamos co mundo dos percebeiros. Ver eses homes pendentes da ola seguinte, da máis traizoeira, amarrados a unha cordas para que non os trague o mar. Quen non ficou marabillado ante as imaxes deses valentes pelexando co mar, loitando contra as forzas da natureza, para gañar o seu sustento.
E neste tema, as mulleres de Rinlo téñennos dado unha lección de combinación de tradición e modernidade. Non deixaron pasar de largo os cambios sociais experimentados polo país. En non moitos anos a muller incorporouse ao mundo do percebe asumindo riscos, esforzo e traballo coma os homes.
Hoxe aquí, cando xa falta pouco para que ronquen as ribeiras, aí na enseada do areal, avisando de que vai acabar o verán, queremos render homenaxe a todos eles e elas. Estamos convencidos de que o sentimento especial que experimentan cada vez que saen á procura de percebe as xentes do mar, xa sexan da Costa da Morte, da zona de Ortegal, da Mariña luguesa, dos nosos veciños asturianos… ese tesouro inmenso de experiencias vividas que se levan na ialma, hase fundir nunha aperta coas xentes de Rinlo, homes e mulleres dedicados ao mundo do percebe, que desexan lembrar e homenaxear aos seus seres queridos, aos que aínda axexan as fauces do mar no seu tempo de retiro e descanso merecido, e aos que levan na súa memoria por sempre.
Que estes actos públicos nos axuden a manter firme o noso orgullo de pertencermos a unha comunidade que valora o seu e se respecta a si mesma e á súa memoria colectiva.