O centro mariñán participa na programación de actividades que puxo en marcha a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, do Ministerio de Cultura e Deporte, en Institutos de Ensinanza Secundaria
Burela, 16 de novembro de 2022. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, constatou hoxe a aposta do Goberno por fomentar a lectura entre a mocidade, durante unha visita ao IES Perdouro, de Burela, que participa nos “Encontros Literarios” que puxo en marcha a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, do Ministerio de Cultura e Deporte, en Institutos de Ensinanza Secundaria. A subdelegada explicou que nesta iniciativa un autor ou autora, elixido polo instituto, fala sobre a súa propia obra e sobre o seu proceso creativo, para despois manter un diálogo cos estudantes. Previamente, o alumnado prepara a actividade coa lectura do material seleccionado polo escritor e consensuado co profesorado do centro.
Durante o encontro, Isabel Rodríguez, acompañada do alcalde de Burela, Alfredo Llano, e da directora do centro, María José Pardiñas, puxo en valor esta iniciativa do Goberno “que contribúe a mellorar o coñecemento da nosa literatura e achegar as obras de destacados autores aos centros de ensinanza”. Concretamente, o instituto de Burela decidiu que o poeta Carlos Negro fora o encargado de impartir un obradoiro de poesía a 60 alumnos e alumnas de 3º da ESO, no que estiveron traballando coa súa obra “Masculino singular”, que trata a cuestión de xénero.
A subdelegada sinalou que estes encontros buscan ofrecer aos centros públicos de ensinanza unha actividade atractiva e enriquecedora para ao alumnado, que fomente a literatura e a construción de novos lectores nas aulas, cun compromiso claro cos escritores e a lingua galega.
Así mesmo, felicitou ao equipo directivo e docente do IES Perdouro por ser o único centro da provincia que participa nesta nova edición, que forma parte do Plan de Fomento da Lectura, no que se seleccionaron un total de 183 actividades en toda España, tras recibir as solicitudes de centros educativos. Igualmente, agradeceu ao escritor Carlos Negro a súa contribución nesta actividade, impulsando un xénero tan importante como a poesía entre os alumnos e alumnas.
No obradoiro, os estudantes aprenderon a expresar a través da poesía os seus sentimentos, estados de ánimo e o seu punto de vista persoal sobre o que os rodea. Ao mesmo tempo, coñeceron a fondo a linguaxe poética, fomentando a creatividade literaria e estimulando a súa sensibilidade.
O programa estatal encadra dous tipos de actividades. Así, terán lugar 156 ‘Encontros literarios’ e 27 actividades denominadas ‘Por que ler aos clásicos’. Esta última, consiste en que un autor proposto polo centro traballa sobre unha obra literaria relevante na historia da literatura e considerada clásica en sentido amplo; unha obra ou a figura dun autor ou autora cuxa importancia transcende un período histórico ou unha corrente literaria determinada, así como conmemoracións e efemérides.