A través dunha proposición non de lei, transaccionada entre o Grupo Popular e o PSdeG e que non contou co apoio do BNG
Compostela, 9 de novembro de 2022. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, transaccionada entre o Grupo Popular e o PSdeG, pero que non contou co apoio do BNG, a través da que se insta á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a facilitar a tramitación dos parques eólicos que sexan necesarios e cumpran a normativa para que o prezo da enerxía sexa competitivo para a planta de Alcoa en San Cibrao.
O deputado popular José Manuel Balseiro lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez veuse incapaz de ofrecer un marco enerxético que realmente permita, tanto a Alcoa como ao resto da industria electrointensiva, competir en igualdade de condicións con outras fábricas a nivel europeo”. “Estas industrias en España son moi eficientes, pero o desorbitado custe da enerxía lévalles a ter que pagar ata 215 euros por megavatio, fronte ao tope de 42 euros establecido en Francia; ao tempo qeu as medidas adicionais habilitadas polo Goberno de España, como foi o estatuto electrointensivo, teñen fracasado”, concretou.
APLICAR AS MESMAS MEDIDAS QUE EN EUROPA
“Non entendemos por que motivos o Goberno de Pedro Sánchez non aplica as mesmas medidas que están a levar adiante outros países europeos para minimizar o impacto do prezo da luz na industria electrointensiva, como tampouco entendemos como se opón sistematicamente a todas as propostas dirixidas a establecer un escudo para protexer a estas industrias e aos empregos”, cuestionou.
Balseiro criticou que “por primeira vez na historia de España, Galicia deixou co Goberno de Pedro Sánchez de producir aluminio primario” e amosouse “doído pola situación de incerteza que están sufrindo os 2.000 traballadores que ven como o tempo se aproxima á data prevista para a reactivación das cubas e os compromisos non avanzan ao ritmo esperado”.
O deputado popular afirmou que os traballadores de Alcoa e da industria electrointensiva galega “están cansos de promesas e queren feitos, pero non todas as administracións están a ter o mesmo grao de compromiso”. Así, dixo que a Xunta “xa deu o primeiro paso aprobando unha axuda directa por valor de cerca de un millón de euros para que Alcoa mellore a súa eficiencia enerxética e declarou a excepcionalidade dos tres primeiros parques eólicos”, que agora están á espera da autorización final por parte do Goberno central.
LEALDADE POLÍTICA DO BNG
Así mesmo, lembrou que da última iniciativa aprobada no Parlamento galego por unanimidade en apoio do sector electrointensivo, o Goberno de Pedro Sánchez “aínda ten pendentes de cumprir as solicitudes de recuperar os sistemas de xestión da demanda, establecer poxas específicas de produción de enerxías renovables ou fixar a máxima compensación dos custos por CO2”.
Para rematar, e dirixíndose ao BNG, José Manuel Balseiro reclamoulles “lealdade política, porque non se pode estar nas manifestacións apoiando aos traballadores e despois promover plataformas contra os parques eólicos que precisa Alcoa para subministrarse de enerxía, así como presentando recursos a través de Adega contra o encoro de lodos vermellos sen o que a empresa non pode retomar a produción”.