Nota de Prensa
O CONCELLO ESÍXELLE ÁS FORMACIÓNS POLÍTICAS QUE CONFORMAN O GOBERNO DA DEPUTACIÓN A COMPRA URXENTE DOS TERREOS NECESARIOS PARA AMPLIAR O MUSEO DO MAR
o A pasividade amosada polos responsables provinciais neste tema pode desembocar na construción nesa zona dun edificio que, de levarse adiante, imposibilitaría a ampliación do museo
o Socialistas e nacionalistas reivindicaban a ampliación do museo cando estaban na oposición e agora, despois de tres anos e medio á fronte da Deputación non fan nada para materializar esta reivindicación de tódolos veciños de Cervo e da Mariña.
Cervo, 13 de agosto de 2010.- O Goberno municipal de Cervo ven de remitir no día de hoxe unha nova comunicación á Deputación de Lugo urxindo unha vez máis aos integrantes das dúas formacións políticas que conforman o Goberno provincial a compra inmediata dos terreos necesarios para a ampliación do Museo Provincial do Mar de San Ciprián.
Os membros do Goberno cervense lembran que dende hai tres anos e medio, o consistorio leva reivindicando por escrito diante da Deputación “e en múltiples ocasións” a adquisición dos terreos anexos á sede deste museo “sen que ata o momento se recibira no Concello nin unha sola contestación a estas peticións”. Na súa opinión, as formacións políticas que sustentan o Goberno provincial limitáronse no tempo que levan á fronte da Deputación a facer anuncios mediáticos en torno ás negociacións de compra dos terreos para ampliar o Museo do Mar, “que ata o momento non pasaron de ser máis que fume, porque a día de hoxe, o certo é que non temos constancia oficial de ningún tipo dos resultados nin do estado no que se atopan as xestións para garantir a ampliación do museo, e o tempo pasa” aseguraron.
Neste senso recordaron que os propietarios da finca contigua ao museo teñen solicitado a redacción dun estudio de detalle da mazá onde se atopa a súa propiedade para construír no seu solar un edificio de vivendas e lembraron que hai máis de tres anos o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, advertira da necesidade de que socialistas e nacionalistas asumiran “de forma urxente” dito compromiso de adquirir ou financiar a compra deste solar, “único posible para a ampliación do museo”.
Por isto, o Concello cervense esíxelles ás formacións do equipo de Goberno provincial “que falen claro dunha vez por todas” e digan como se atopan as xestións cos donos da finca colindante ao museo “e que tamén se comprometan publicamente e sobre papeis oficiais” a comprar ou financiar dita parcela.
Os responsables locais advirten de que este “longo silencio” de socialistas e nacionalistas á fronte da Deputación pode desembocar na construción nesa finca dun edificio que, de levarse adiante, imposibilitaría a ampliación do museo; e tamén afectaría paisaxísticamente a unha zona tan significativa coma é a do paseo marítimo e a praia do Torno.
Por iso, dende o equipo de Goberno municipal cominan aos dous grupos políticos que gobernan na Deputación “a materializar o acordo da corporación cervense de hai catro anos e no que os tres grupos municipais solicitaron por unanimidade que fose a Deputación a que asumise os custos do proceso de ampliación do Museo do Mar.
PSOE E BNG, ÚNICOS RESPONSABLES
Aos resonsables municipais cervenses resultalles “canto menos curiosa” a actitude de PSOE e BNG neste asunto “xa que cando estaban na oposición eran eles os que non se cansaban de reivindicar a ampliación do museo. Sen embargo agora, despois de tres anos e medio á fronte da Deputación, non teñen feito nada para solucionar o problema de espacio desta institución”.
Os gobernantes locais aseguran que este malestar e preocupación non é un capricho do equipo de Goberno local se non que responde a unha inquietude de moitos veciños que ven como as súas doazóns de fondos ao museo teñen que estar arrumbadas en caixas no soto do edificio. Por iso, advírtenlles aos dous partidos que gobernan na Deputación que “de non asumir as súas responsabilidades e materializan dunha vez por todas os seus compromisos”, socialistas e nacionalistas serán “os únicos responsables” de que o Museo Provincial do Mar quede “definitivamente imposibilitado para seren ampliado, e así llo lembrarán tódolos veciños do Concello de Cervo e da comarca da Mariña”.