O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que supoñen un investimento autonómico de máis de 48.000 euros
Xove, 9 de novembro de 2022. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematará nos vindeiros días unha senda peonil na estrada autonómica LU-862 en Xove, que dará continuidade ás beirarrúas da localidade na saída cara a Cervo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha das obras, que supoñen un investimento autonómico de máis de 48.000 euros. A senda ten unha lonxitude de 230 metros e 1,80 metros de ancho, e desenvólvese entre os puntos quilométricos 96+220 e 96+450 pola marxe dereita da vía.
As obras están avanzadas, tan só resta completar o pavimento de formigón, no que se traballa na medida en que as condicións climatolóxicas o permiten.
Previamente foi preciso demoler o pavimento existente e executar as beiravías con 25 centímetros de saburra de canteira; tamén se canalizou un tubo de drenaxe de 400 mm de diámetro e executáronse oito pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.
Arias lembrou que este tipo de actuacións fomentan a mobilidade sostible e melloran a seguridade dos peóns, “que son os usuarios máis vulnerables nas estradas”.