Lourenzá, 9 de novembro de 2022. O Concello de Lourenzá convoca o concurso de postais Nadal 2022, dirixido aos escolares de Infantil e Primaria do concello. O tema do concurso é O Nadal de Don Paco, en referencia ao escritor laurentino Francisco Fernández del Riego, ao que se lle dedicará o próximo Día das Letras Galegas.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, explica que “a técnica será libre e as obras deberán presentarse nunha cartolina A4. O prazo de entrega dos traballos remata o 16 de decembro. Establécese un primeiro premio, dotado con 75 euros e trofeo; e tres accésits, dotados con 25 euros e diploma. A postal gañadora será empregada polo Concello como felicitación de Nadal. As bases completas serán repartidas no CEIP Juan Rey e tamén se poden consultar na Biblioteca Municipal”.
Desde a Concellería de Cultura agradecen de antemán a colaboración do colexio e da ANPA.