O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “dos orzamentos do 2023 só sabemos que os concellos perden e, pola contra, PSOE e BNG terán máis fondos para facer política nas eleccións municipais, unha espiral sen fundamento que Tomé alimenta para satisfacer a súa propia euforia persoal”
Lugo, 2, outubro de 2022. Atribúese a Séneca O Mozo a afirmación de que “aos que corren nun labirinto, a súa mesma velocidade os confunde”. É unha boa definición do que lle ocorre ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, á vista da súa inesgotable capacidade para esquecer as responsabilidades que asume, dado o seu pertinaz ninguneo da corporación que preside e á vista do seu probado desdén cara á colaboración cos concellos en termos de igualdade e equidade. O portavoz popular, Javier Castiñeira, cre que así se confirma á vista de que, un ano máis, Tomé presentará mañá no Parlamento de Galicia, antes de facelo no seo da propia corporación provincial, o proxecto de orzamento da Deputación para o 2023, cun Plan Único, que, lonxe de medrar, redúcese, porque non compensa nin de lonxe o incremento do IPC. Son, asegura o portavoz popular, Javier Castiñeira, “os orzamentos do metaverso de Tomé”.
Castiñeira sinala: “Tomé anuncia unha nova devaluación do Plan Único en plena voráxine inflacionista. Coa decisión de Tomé, os concellos perderon máis dun 20% dos fondos provinciais que pactaron o socialista Campos e a popular Elena Candia mediante un reparto obxectivo”. Engade: “Dende o PP lamentamos unha vez máis ter que coñecer as contas provinciais no Parlamento galego, algo ao que xa nos ten acostumados o presidente da Deputación. O señor Tomé demostra estar moi lonxe da realidade dos lucenses e prefire ir a Santiago a dar as malas noticias. Tomé está na súa realidade virtual; considera á provincia como un metaverso no que el é o único protagonista; é o único protagonista porque non escoita nin aos seus propios compañeiros, aos que limita en responsabilidades a favor das súas propias”. Os populares din que así “non estraña que nos plenos se esqueza de tantos cargos e responsabilidades que el mesmo asumiu; no metaverso de Tomé os inimigos son os seus propios compañeiros, porque para que el gañe os demais deben perder”.
O portavoz popular explica: “Dos orzamentos do 2023 só sabemos que os concellos perden e, pola contra, PSOE e BNG terán máis fondos para facer política nas eleccións municipais, unha espiral sen fundamento que Tomé alimenta para satisfacer a súa propia euforia persoal. No xogo de rol no que Tomé se sinte cómodo, el gaña se a maioría perde, nun xogo maquiavélico que afectará á realidade da maioría dos concellos da provincia”.
En resumo, os populares sinalan que “do pouco que coñecemos do documento, porque non no lo ensinou e polo que dixo o propio Tomé, a devaluación do Plan Único para o PP é motivo suficiente para o descontento e a desconfianza; é un mal comezo para os orzamentos do 2023, que nos tildamos como os orzamentos do metaverso de Tomé”.