Ribadeo, 29 de outubro de 2022. Marchan a bo ritmo as obras das pìstas multideporte e do carril bici que está a executar o Concello así como as do barrio da Pega e as da ponte que une Trabada con Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, deixa constancia da marcha destes traballos nun vídeo que colgou hoxe, sábado, nas súas redes sociais.
O rexedor alude “a algunhas das cousas nas que as mulleres e os homes do goberno municipal andamos afanados nestes tempos”. Fernando Suárez refírese á construción das pistas multideporte na mazá interior entre as rúas Avenida de Galiza, Daniel Cortezón e Pintor Fierros; ás obras de ampliación da ponte sobre a vía do tren que executa a Deputación; ás obras en rúas no barrio da Pega, Veigadaira, Río do Amalló; ao aglomerado da estrada dos Fornos, en Remourelle, para conexión coa do veciño concello de Barreiros; á mellora e ampliación da ponte entre Piñeiro (Cedofeita) e Balboa (Trabada), que realizamos conxuntamente os dous Concellos; aos traballos de mellora e ampliación do Camiño do Cantábrico en Vilaselán e Piñeira, eliminando especies exóticas e plantando autóctonas; e ás obras do carril-bici na estrada do Faro e en Campoxurado.
Suárez Barcia aproveita a fin de semana para animar á veciñanza e aos visitantes a mercar en Ribadeo empregando a moeda local, a Pancha: “e por certo, non deixedes de mercar coa moeda municipal do Concello, a Pancha, nos máis de 100 establecementos adheridos a esta campaña”. A cuarta edición da Pancha arrincou o pasado 1 de outubro e rematará o 31 de decembro. Ata inicios desta semana ían adquiridas máis de 70.000 panchas, segundo os datos facilitados polo concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso.