O programa incluíu unha medida pioneira, que poderá replicarse noutros territorios europeos, consistente en pagos compensatorios ás comunidades de montes polos resultados de conservación que lograron seguindo o modelo de xestión deseñado no propio programa
Lugo, 24 de outubro de 2022. O Pazo de San Marcos será os días 8 e 9 de novembro a sede dun congreso co que a Deputación de Lugo poñerá o colofón ao Life In Common Land, un proxecto financiado con fondos europeos que ten como obxectivo favorecer a conservación dos hábitats característicos e o aproveitamento sostible da riqueza ambiental da Serra do Xistral, integrada na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera.
Neste territorio, atópase un conxunto de hábitats único na Europa continental: as turbeiras e os queirogais húmidos. A súa conservación está estreitamente ligada ás actividades tradicionais, como a gandería de vacún e as bestas salvaxes, e aporta valores naturais importantes en tanto que constitúen un almacén de carbono clave no contexto do cambio climático e son reservorio de auga e de biodiversidade.
Para sacar adiante este proxecto, a Deputación, en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña, traballou man a man coas comunidades de montes veciñais en man común da Balsa, Boimente, Cadramón, Frexulfe, Laxa Moura, Miñotos, Montouto, Tenente e Xistral, Santo Tomé de Recaré, Silán e Vilacampa, pertencentes a 6 concellos do norte da provincia de Lugo: Abadín, Muras, Ourol, O Valadouro, Viveiro e Xove.
De feito, no marco do programa Life, a Deputación levou a cabo unha iniciativa pioneira, que poderá replicarse noutros territorios europeos, consistente en pagos compensatorios ás comunidades de montes polos resultados de conservación que lograron seguindo o modelo de xestión deseñado no propio proxecto europeo. Algún exemplo desas accións que permiten ver esa mellora no hábitat son as rozas, plantacións, mantemento e manexo sostible do gando nos hábitats prioritarios, control da vexetación, ou xestión das infraestruturas de xestión gandeira, como cercados e bebedeiros, entre outras.
No congreso dos días 8 e 9 de novembro, a Deputación exporá os resultados das accións desenvolvidas no marco do Life in Common Land, reunindo ademais a expertos a nivel nacional e internacional que compartirán as súas experiencias dentro doutros proxectos LIFE ou outras entidades relacionadas. Organizarase en cinco grandes bloques sobre os que se xerará debate e a través do que se agarda conclusións que poderán ser de utilidade para outras zonas de Europa. Os bloques son: actividades rurais tradicionais e conservación de hábitats, restauración de turbeiras e brezais, mecanismos de pago por resultados de conservación, visita de campo á Serra do Xistral, e áreas comunais e conservación de hábitats na Rede Natura 2000.
Inscrición
O evento celebrarase nun formato mixto, que permitirá a participación tanto virtual como presencial, e haberá visitas de campo ao Xistral. As persoas interesadas en participar poderán anotarse no seguinte enlace: https://www.lifeincommonland.eu/noticia/abiertas-las-inscripciones-al-congreso-final-de-life-in-common-land-el-8-y-9-de-noviembre.