A frente nacionalista propón finalizar a batería de obras pendentes na comarca da Mariña: a modernización do FEVE, a reparación e mellora da seguranza viaria nas nacionais, a construción da A-74, entre as máis urxentes
Madrid, 21 de outubro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentará emendas para aumentar o investimento do proxecto de Orzamentos, presentado polo Goberno do Estado, na comarca da Mariña. A frente nacionalista aspira a rematar coa discriminación e compensar o déficit histórico que sofre o noso País, sobre todo en materia infraestruturas e servizos, a comezar polas obras pendentes que permitirían vertebrar A Mariña coa construción da A-74, a reparación dos tramos da N-642, o terceiro carril da A-8 até o Alto da Xesta ou potenciar a liña do FEVE entre Ribadeo e Ferrol e a adaptación do dique norte de Morás para que poida ser empregado con fins comerciais.
O déficit histórico que sofre a Galiza en investimento nos Orzamentos do Estado, sobre todo en materia de infraestruturas e servizos, pode exemplificarse perfectamente co que acontece na comarca da Mariña. “As infraestruturas son un elemento fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. Na Mariña, que posúe enormes potencialidades, arrastra unha discriminación histórica con numerosas obras pendentes e por iso reclamamos un incremento do investimento do Estado” destaca o deputado do BNG.
“É necesario conectar e vertebrar o territorio a través da futura A-74, coa construción dun enlace co polígono industrial de Barreiros, e co impulso ao comezo da autovía no tramo Barreiros-San Cibrao” reclama Rego, que subliña que as partidas para os tramos Foz-Burela, Foz-O Carme e O Carme-Barreiros son menores e non permitirá ningunha actuación práctica se non foren corrixidos e aumentados.
Por outra banda, o tramo da N-634 presenta serias deficiencias no firme entre Lourenzá e Barreiros polo que se “precisarían partidas suficientes para a súa reparación e levar a cabo unha actuación integral”. O mesmo acontece no tramo entre Mondoñedo e Abadín que necesita prolongar o terceiro carril até a rotonda coa A-8 no Alto da Xesta. “Esta obra permitiría mellorar a seguranza viaria e favorecer a fluidez do tráfico” explica Rego. O Deputado do BNG sinalou tamén a necesidade de mellorar a seguranza viaria coa construción de rotondas nos cruzamentos da N-642 coas estradas LU-152.
Así mesmo, apuntou a urxencia de redactar o proxecto de adaptación do dique norte de Morás para a súa futura dedicación a usos comerciais, así como a construción do acceso central ao porto de Ribadeo. “Para unha comarca como A Mariña que arrastra unha grave crise industrial, e nos últimos anos perdeu centos de posto de traballo, o Goberno do Estado debe potenciar todos os elementos que permitan un desenvolvemento social e económico óptimo” reclama Rego.
Ademais, a frente nacionalista demanda a modernización da liña do FEVE entre Ferrol e Ribadeo, actualizando as infraestruturas e incrementando as frecuencias para que funcione como un verdadeiro servizo de tren de proximidade como alternativa de transporte sustentábel. “Esta liña articula o norte do país e ten enormes potencialidades tanto para os transportes de mercadorías como para os usuarios e usuarias” afirma Néstor.