Ofrecerán preto de 3000 prazas en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade, como a industria 4.0, as competencias dixitais ou a atención sociosanitaria
Lugo, 20 de outubro de 2022. A Xunta financiará con 8,4 millóns de euros 196 cursos formativos para persoas desempregadas na provincia de Lugo, que serán impartidos por centros ou entidades acreditadas entre os anos 2022 e 2023. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de resolver esta convocatoria, que no conxunto de Galicia alcanza as 1063 accións formativas e un orzamento de 49,7 millóns de euros, un 12% máis que na edición anterior.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se ofertarán preto de 3000 prazas en toda a provincia en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade, que dan acceso a certificados de profesionalidade. Así, ponse o foco en contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.
A comarca de Lugo asume o maior volume de cursos, con 108 en total, seguida pola da Terra Chá, con 33; Terras de Lemos, con 25; A Mariña, con 24; Sarria, que acollerá tres cursos, Meira dous e Os Ancares un.
Entre os organizadores figuran entidades sen ánimo de lucro, como a Cruz Vermella, que hoxe visitou Arias para interesarse pola súa programación. A entidade, que está completando as accións formativas correspondentes ao bienio 2021-22, organizará outros 38 cursos: 15 en Lugo, 14 en Lemos e nove na Terra Chá, a maioría dirixidos a inmigrantes e colectivos desfavorecidos e centrados en competencias básicas como matemáticas ou comunicación en lingua castelá e lingua galega.
Tamén organizan cursos outros colectivos como Cogami ou a Fundación Laboral da Construción, os concellos de Xove, Cervo e Burela, así como academias e outras empresas.
Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.
Media de inserción do 60%
Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas, por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas. A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.
O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.
Paralelamente, o Goberno galego está a traballar para facer máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego para dar resposta dun xeito áxil ás necesidades dos traballadores e empresas; e avoga por impulsar o emprendemento no territorio e as políticas de apoio aos autónomos e á economía social.