Terá unha duración total de 20 horas e axudará a persoas estranxeiras a mellorar a súa integración
Burela, 19 de outubro de 2022. O programa de atención a inmigrantes da concellería de Inmigración, Cooperación e Integración do Concello de Burela impartirá unha nova acción formativa para axudar a alcanzar un bo grao de integración ás persoas estranxeiras.
Desde o Concello informan dun curso de formación dixital cunha duración de 20 horas, dirixido principalmente ao coñecemento e uso das novas tecnoloxías e á aproximación e familiarización con trámites necesarios na actualidade á hora de dirixirse a distintas institucións ou entidades. Ao longo da formación poderán adquirir as ferramentas necesarias para abordar determinadas situacións nun momento no que a meirande parte das xestións fanse de modo dixital.
A concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración, Noelia Ben, explicou que este tipo de accións son “moi importantes para aprender a realizar diversos trámites do día a día que ás veces supoñen un obstáculo”, engadindo que este curso “pode ser unha moi boa oportunidade para adquirir coñecementos que faciliten e melloren a integración das persoas estranxeiras”.
A formación comezará o día 24 de outubro e rematará o 8 de novembro, en horario de mañá. A acción está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.
Pódese solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982 58 60 00 / 982 58 06 09.
Recordatorio
Tamén se lembra desde a concellería a organización do Curso de Esforzo de Integración e do Curso para preparar a proba de coñecementos constitucionais e socioculturais de España para a adquisición da nacionalidade española.