Lugo, 18 de outubro de 2022. A deputada de Medio Rural Mónica Freire participou este mediodía na entrega de premios da Gran Feira Cabalar das San Lucas, en Mondoñedo, onde se recoñeceron os mellores exemplares entre os 800 animais que participaron no certame e que, na súa maioría, tomaron parte na baixada tradicional do gando a Mondoñedo celebrada nas Vésperas.
Así, premiáronse as mellores gandeirías – tanto as que participaron na baixada como as que non o fixeron-, e entregáronse tamén galardóns aos mellores exemplares (macho e femia) de Pura Raza Galega, Pura Raza Árabe e Pura Raza Española, así como aos mellores cabalos de tiro, de silla, e aos mellores burros e aos mellores poldros nados en 2022.
Mónica Freire valorou “o recoñecemento e visibilidade que As San Lucas dan ao gando cabalar e aos gandeiros e gandeiras que os coidan durante o ano, facendo un traballo fundamental para o coidado dos montes e a conservación das paisaxes tradicionais” e destacou “o dinamismo desta gandeiría na comarca da Mariña, reforzado pola xuventude de moitos dos gandeiros e gandeiras que participaron na baixada e na feira”.