O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, interviu este xoves coa ponencia We live in Lugo, we are Europe, expoñendo as principais medidas que vertebran as políticas sociais da institución
Lugo, 13 de outubro de 2022. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves as políticas sociais polas que aposta a Deputación de Lugo na Semana Europea das Rexións e Cidades, que se celebra estes días en Bruxelas co lema Novos desafíos para a cohesión de Europa. Rivera Capón interviu coa conferencia We live in Lugo, we are Europe (Vivimos en Lugo, somo Europa), coa que expuxo as principais medidas que vertebran as políticas sociais da institución provincial, con especial fincapé no seu modelo de residencias.
As liñas de traballo da institución provincial recibiron unha moi boa acollida polas súas características, xa que son replicables noutros territorios da Unión Europea. Rivera Capón, ante centos de persoas do territorio europeo, fixo na súa presentación unha fotografía da provincia de Lugo dende diferentes ópticas para explicar as motivacións que levaron á Deputación a apostar por un modelo propio de centros de atención a maiores. “O noso reto consiste en ser capaces de facilitar o acceso a uns servizos públicos de calidade e innovadores á marxe do seu lugar de residencia”, indicou. “Como defensor do municipalismo, creo firmemente que Europa responde mellor a estes retos cando aposta por reforzar as súas rexións e municipios, xa que as entidades locais son as únicas capaces de garantir que os programas europeos cheguen de verdade aos seus destinatarios, á cidadanía”, manifestou.
Rivera Capón reflexionou sobre a situación das persoas maiores na provincia. “Preocúpanos o seu benestar e as particularidades da nosa provincia, como é a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación”, dixo, á vez que incidiu en que os concellos, a pesar de ser a administración máis próxima á cidadanía e que poderían atender as demandas das persoas maiores, non teñen fondos suficientes para asumir as competencias e as necesidades relacionadas cos servizos sociais. Por esa razón, manifestou, a Deputación “xoga un papel determinante á hora de axudar aos concellos, de maneira especial aos máis pequenos, a desenvolver as súas políticas de servizos sociais”.
Nese sentido, detallou que a Rede de Protección Social da Deputación “presta servizos a persoas maiores en situación de vulnerabilidade, realiza accións de prevención da dependencia e favorece o envellecemento activo”. Explicou que a administración provincial destina preto de 2 millóns de euros ao ano a colaborar cos concellos na prestación do Servizo de Axuda no Fogar, á vez que mantén un servizo de teleasistencia durante as 24 horas do día os 365 días do ano.
Un modelo propio
O Deputado explicou que o modelo da Deputación de Lugo de centros de atención a maiores é diferente ao que proliferou nos últimos anos. “Dende o 2007 apostamos por un modelo propio, integral e centrado, non só nos servizos sociais, senón tamén nos territorios e nas súas economías, é dicir, centrado nas persoas”.
Detallou que arestora a institución provincial ten 7 centros públicos abertos, e antes de finalizar este ano abriranse outros dous. “Isto significa máis de 300 prazas asistenciais, e uns 230 postos de traballo directos, aos que debemos sumar os empregos indirectos”. Avanzou, así mesmo, que se crearán outras 9 residencias.
Rivera Capón evidenciou a importancia que teñen as políticas sociais para a Deputación cando explicitou que dedica cada ano 10M€ do Orzamento ao funcionamento e a creación de centros de maiores, “o que supón o 10% dos recursos da Deputación”. Así mesmo, puxo o foco en que estes centros de maiores son pequenos, situados en concellos rurais e que permiten que as persoas paguen en función da súa capacidade económica.
“O que era un problema social transformouse en edificios que ofrecen contornas abertas, accesibles, con espazos interiores personalizados, onde a persoa maior é un suxeito activo”, dixo. Ademais, destacou, sitúanse nos concellos e nas comarcas nas que pasaron toda a súa vida, feito que evita o desarraigo e que permite que manteñan as súas relacións familiares e veciñais: “creamos verdadeiros fogares”.
“A eficacia deste modelo de xestión pública xa viña corroborada polas experiencias dos usuarios, familiares e profesionais, pero dende a pandemia púxose de manifesto”, indicou. Comentou que a Deputación puxo en marcha rigorosos protocolos de prevención e seguridade, incluso con moitas medidas que estaban por riba das indicacións das autoridades sanitarias.
Importantes proxectos europeos
Rivera Capón lembrou a importancia que os fondos europeos tiveron na provincia de Lugo para poñer en marcha proxectos exitosos dende o ano 1997, contando con máis de 50 millóns de euros de orzamento de execución. Puxo de exemplo os programas do Fondo Social Europeo, cos que se puido aumentar a competitividade e a inserción laboral; tamén a iniciativa LEADER, coa que se potenciaron os recursos do rural dende a óptica do sector forestal e do sector madeireiro; os programas LIFE, para a preservación do territorio; o programa INTERREG; ou o programa LEONARDO, entre moitos outros.
“Resulta moi difícil condensar todo o que os fondos europeos supuxeron para o noso territorio, e máis alá da satisfacción polos resultados concretos, a participación na xestión destes fondos fíxonos partícipes da construción europea”, reflexionou.
Un evento referente
A Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek) é o maior evento anual que se celebra en Bruxelas dedicado á política rexional. O cumio converteuse nunha plataforma de comunicación e rede única, que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos, empregados públicos, así como expertos e académicos. Este evento contribuíu na súa traxectoria de maneira importante a promover a aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas.
A Deputación de Lugo participa dende hai anos na Semana Europea das Rexións como administración referente en políticas sociais.