Os populares animan a Tomé “a reclamar de Pedro Sánchez que inclúa partidas para Lugo das que poidan sentirse orgullosos e non se vexan na necesidade de falar como se viviran nunha realidade paralela”
Lugo, 11 de outubro de 2022. Ou o presidente da Deputación de Lugo e secretario provincial do PSdeG, José Tomé, vive nunha realidade paralela ou pretende enganar aos lucenses no que se refire ao proxecto de orzamentos do Estado para o 2023. Así o entenden na dirección provincial do PP, ao coñecer as declaracións efectuadas por Tomé na tarde de hoxe. Son orzamentos, din no PP, que esquecen as grandes infraestruturas que necesita a provincia, tanto de ferrocarril como en canto a autovías, e que non dan resposta ás necesidades da industria lucense.
Os populares din que, en materia de ferrocarril, Lugo queda fóra, non xa da alta velocidade (AVE), senón de velocidade alta, porque as obras que se levan a cabo no tramo Lugo-Ourense non inclúen as tres variantes precisas para alcanzar a velocidade necesaria; estas variantes quedaron previstas polo goberno que presidiu Mariano Rajoy. Polo tanto, destacan os populares, Lugo queda fóra da velocidade alta na súa conexión con Ourense, e, polo tanto, coa liña de AVE.
A planificación que se recolle no proxecto de orzamento demostra que se incumpren todos os prazos dados ata o momento para a terminación da autovía Lugo-Santiago, que, como mínimo, non se poderá utilizar na súa totalidade ata o 2025. En canto a autovía Lugo-Ourense, desaparece das previsións. Neste caso, segundo os populares, o Goberno de Pedro Sánchez “sacouse a careta” e esta autovía xa non figura nos orzamentos; tampouco se toma en consideración o intercambiador previsto por Mariano Rajoy en Montecalvo. En canto a autovía de A Mariña, a A-74, unicamente hai, segundo indican na dirección provincial do PP, unha “expresión de vontade, é dicir, nada de nada”.
Os populares cren que os socialistas lucenses xogan á desesperada á vista duns orzamentos que son claramente lesivos para a provincia. “Sábeno e tratan de gañar tempo intentando enganar aos lucense”. Sinalan na dirección popular: “Animamos aos socialistas lucenses, sinaladamente a Tomé, a reclamar de Pedro Sánchez que inclúa partidas para Lugo das que poidan sentirse orgullosos e non se vexan na necesidade de falar como se viviran nunha realidade paralela, como están a facer”.