Realizaranse cursos de esforzo de integración, preparatorios da proba de coñecementos para a adquisición da nacionalidade española e de habilidades dixitais
Burela, 6 de outubro de 2022. O programa de atención a inmigrantes da Concellería de Inmigración, Cooperación e Integración do Concello de Burela impartirá accións formativas para axudar a alcanzar un bo grao de integración ás persoas estranxeiras.
Desenvolveranse un total de tres cursos financiados pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.
O curso de esforzo de integración terá unha duración de 24 horas e será impartido nas instalacións do Concello de Burela. No regulamento de estranxeiría existe a posibilidade da emisión de informes de esforzo de integración que poden ser válidos para as renovacións de autorizacións. Esta acción tamén pode ser útil para iniciarse na formación acreditando a asistencia ás accións formativas de coñecemento e respecto dos valores constitucionais de España, dos valores estatuarios de Galicia, dos valores da Unión Europea, así como dos dereitos humanos, liberdades públicas, democracia, tolerancia e igualdade entre homes e mulleres.
O segundo dos cursos sería o preparatorio da proba de coñecementos constitucionais e socioculturais de España para a adquisición da nacionalidade española. A temática deste obradoiro é coñecer o Goberno, lexislación e participación cidadá, os dereitos e deberes fundamentais, a organización territorial e a xeografía física e política de España., ademais de coñecer a cultura e a historia de España e a sociedade española. Con esta formación trátase de axudar a preparar a mencionada proba esixible para a obtención da nacionalidade española. Terá unha duración de 50 horas.
Tamén haberá un curso de habilidades dixitais básicas, cunha duración de 20 horas, enfocado principalmente ao coñecemento e o uso das novas tecnoloxías co fin de ir perdendo o medo a accións tan necesarias na actualidade para poder dirixirse a distintas institucións ou entidades e poder realizar diversos trámites do día a día e cos cales moitas veces non se está moi familiarizado.
A concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración, Noelia Mª Ben, convidou “ás persoas que podan estar interesadas a que participen e se inscriban nos cursos para adquirir novas habilidades e mellorar a súa integración e benestar”.
Pódese solicitar máis información na Casa do Concello ou chamando ao 982 58 60 00 / 982 58 06 09.