Ribadeo, 5 de outubro, 2022. 13 alumnos e alumnas do IES Ribadeo Dionisio Gamallo recibirán de mans da Directora Xeral de Xuventude o venres 14 de outubro o diploma de cuartos clasificados no concurso Take a way on the UE side, coordinado polo equipo INGALICIA e no que participaron nove centros de secundaria de España durante o pasado curso 2021-22.
O vindeiro venres 14 de outubro a Directora Xeral de Xuventude, Cristina Pichel Toimil estará no IES Ribadeo Dionisio Gamallo a partir das 11 da mañá para a entrega de certificados ao alumnado que participou no proxecto de ámbito nacional TAEUS, coordinado polo equipo de INGALICIA, co traballo “Recuperación de nuestra memoria histórica a través de Fondos Europeos” sobre o arquivo histórico do concello de Ribadeo.
As alumnas Áyelin Álvarez Cuéllar, Cristina Álvarez Rey, Susana Díaz Bedia, María García del Río, Andrea Rodríguez Cansignia, Paula López Yáñez, Antía Romero Prieto, Claudia Vizoso González, e os alumnos José María Gutiérrez Mangiavacchi, Daniel Otero López, Álvaro Pérez Fernández, Andrés Portela Besteiro, e Jesús Bernabé Salazar García, dirixidos polo profesor J. Manuel Yáñez Dablanca visitaron o concello en varias ocasións e recibiron información do equipo de xoves participantes no Obradoiro de Emprego Territorio Vivo e da responsable do obradoiro Ana Belén Vázquez Rodríguez para a realización desta investigación. O resultado pode ser visionado na páxina do centro, en youtube, en tiktok ou no espazo twiter @cosmopolitas1 que difunde o equipo de alumnos/as e profesores/as do centro.
Na segunda parte desta xornada os responsables do equipo INGALICIA realizarán un obradoiro titulado “Time to move” que difundirá entre o alumnado as posibilidades que a Unión Europa ofrece á xuventude a través das distintas institucións que a compoñen e presentarán distintas páxinas e enlaces nos que poder obter información sobre estes ámbitos.
Esta actividade forma parte da programación que o noso centro ofrece á comunidade educativa como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, que entra xa na súa terceira edición, e no que están presentes uns 120 centros de toda España. Unha xornada cunha dobre oferta cultural e educativa que de seguro servirá como acicate neste, aínda, inicio de curso para a comunidade educativa do IES de Ribadeo.