Foz, 5 outubro de 2022. Este venres, día 7 de outubro, terá lugar a segunda das charlas dentro das xornadas de San Martiño no Camiño que organiza o Concello de Foz. Será na sala multiusos do Centro de Interpretación da Basílica ás 20 horas a cargo da profesora Dolores Barral Rivadulla, titular de historia da arte antiga e medieval no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.
Dolores Barral falará da diocese mindoniense no medievo. “Tratarase de facer unha viaxe a vista de paxaro sobre as principais manifestacións artísticas vinculadas á diocese de Mondoñedo-Ferrol, sobre todo no entorno da Mariña lucense, dende un punto de vista patrimonial, co fin de atender e valorar todos os testemuños históricos dunha das dioceses máis descoñecidas de Galicia”, explica o concelleiro focego de Turismo, Chema Linares.
O edil engade: “temos que destacar a boa acollida que tivo a primeira das charlas, impartida por Carolina Casal sobre as pinturas do medievo no Camiño do Mar. E estamos seguros que esta segunda charla será tamén moi interesante. Animamos a todos os veciños a acudir a San Martiño para coñecer un pedaciño da nosa historia”.