Viveiro, 4 de Outubro de 2022. O pasado Domingo 2 de Outubro de 2022 en reunión celebrada ás 12,30 da mañá en Sargadelos a Asociación Cultural Tá en Artes, decidiu por unanimidade levar a cabo a súa disolución, dado que os obxectivos perseguidos durante oito anos de traballo intenso non fomos quén de conseguilos no seu punto fundamental, tal era conseguir un Centro estable na Mariña que acollera as programacións dos distintos colectivos da comarca e que contara co persoal suficiente para levar unha labor de xestión que no noso caso, é imposible de manter.
Coordinar catro exposicións, cursos de formación de profesorado, centros escolares, monitores, transporte, xestións cas distintas administracións( Concellos, Deputación, Xunta de Galicia) é inviable levalas a cabo pola situación persoal de tódolos membros desta asociación.
Antes de cumprimentar o trámite administrativo da desaparición de Táenartes, deixamos un tempo por si algunha asociación, colectivos ou persoas quere facerse cargo da mesma, cedendo o conseguido ata esta data sen ningún tipo de condicionante e colaborando en dúbidas ou xestións a realizar.
Non queremos marchar sen agradecer ós/as alumnos/as da Mariña a súa participación co seu traballo, ós/ás profesores/as a total colaboración e disposición para con nós, así como ás Direccións dos Centros implicados. Ós/ás alcaldes/alcaldesas que fixeron o traballo máis viable, destacar por ser o centro operativo ós de Foz, tanto Castiñeiras como Fran Cajoto actual alcalde, co que tivemos unha total sintonía. Agradecer á area de cultura da Deputación de Lugo tamén a súa implicación e destacar a súa aportación neste derradeiro ano. Ás direccións xenerais de Cultura e política lingüística da Xunta de Galicia polo apoio económico. Ás Asociacións culturais da Comarca, en espacial á Pomba do Arco ca que mantivemos programacións conxuntas. Por suposto ós/ás ARTISTAS da Mariña que gracias ó seu altruísmo e tempo colaboraron con nós e fixeron posible levar a cabo o programado. Á Imprenta LAR de Viveiro que sempre estivo disposta en tempo e forma para publicar o proposto nas programacións. Ós/ás funcionarios/as que colaboraron nos diferentes centros administrativos. Ós medios de comunicacións da Comarca que sempre atoparon un oco para difundir a nosa proposta tanto a prensa escrita como en radio, así coma os/as fotógrafos/as que ilustraron os noso actos. Destacar ós pais e nais da Mariña que interpretaron do mellor xeito a colaboración cos centros escolares, así comas empresas de transporte que fixeron posible as visitas de máis de 1.700 alumnos/as anualmente neste anos. Á xestoría Monicar de Burela. Ós/ás familiares e amigos dos/as artistas que sen estar con nós en vida, puidemos homenaxealos grazas á participación desinteresada dos mesmos. Ó Museo Provincial de Lugo e a todo o seu persoal ca directora Aurelia Balseiro á cabeza, que sempre puxo a total predisposición para que a creación dos/as artistas da Mariña tivesen presencia na capital da provincia. Ós/ás artistas convidados que non escatimaron esforzos para estar presentes en cada mostra. En definitiva a todas e cada unha das xentes da Mariña que foron quen de darlle contido a todas actividades programadas nestes oito anos.
Esperemos que este traballo sexa aliciente e acicate para todas e todos ós/ás que dedican o tempo para crear nas complexas condicións da nosa Comarca, e sigan aportando o seus coñecementos para novas ideas e novos proxectos.