Os populares cren que “coa súa actitude demostran nula empatía con tódolos afectados: comerciantes cunha redución do 80% da súa facturación e veciños con dificultades para entrar e saír das súas vivendas”
Burela, 28 de setembro de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, lamenta que “o goberno local non faga absolutamente nada de nada ante as queixas clamorosas dos afectados -tanto comerciantes coma residentes- polo peche da rúa Rosalía de Castro debido ás obras que está a levar a cabo o Concello dende fai semanas e que van para longo porque, cando menos, o seu financiamento se prolongará ata novembro”.
Os populares condenan “a pasividade dos socialistas ante os problemas que causa a súa mala xestión” e explican que “a pésima sinalización da obra e a súa lentitude da súa execución debido á escaseza de persoal non parecen ser motivos suficientes para que o señor Llano e o seu concelleiro de obras, o señor Fernández, traten de endereitar o seu rumbo. É máis, coa súa actitude demostran nula empatía con tódolos afectados”.
“Segundo nos trasladaron algúns comerciantes, a súa facturación de caixa baixoulles nun 80% dende que comezou a obra e, se ben todos nós somos conscientes de que calquera tipo de obra na nosa vila pode ter certos trastornos, o que padecemos en Burela cada vez que o goberno local decide acometer algunha é totalmente inaceptable”, sinala Rouco. “Algúns veciños teñen dificultades para entrar ou saír das súas propias vivendas”, segundo engade o popular que bota en falta que “o goberno local xestione solucións alternativas”.
Menosprezo a comerciantes e hostaleiros
Para os populares “o menosprezo do goberno socialista aos comerciantes e hostaleiros da nosa vila non deixa de facerse máis grande cada día. Lembremos que non só non lles axudou durante a pandemia, senón que os enganou co reparto de axudas e subiulles as taxas”.
Rouco considera que “o goberno do señor Llano non está a doerse da situación dos negocios e dos veciños e veciñas de Rosalía de Castro, unha das principais rúas da nosa vila” e sinala esta falta de sensibilidade como “unha proba máis do seu menosprezo”.
O voceiro popular pregúntase “ata cando terá que seguir padecendo Burela esta parodia de goberno local”.