O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá as obras, que rematarán nun prazo de dúas semanas, e que levarán aparelladas a mellora da sinalización no cruce de Soenlle
Trabada, 20 de maio de 2022. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora da seguridade nun treito da vía autonómica LU-132 que coincide co Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Trabada, traballos que está previsto rematar nun prazo de dúas semanas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o avance dos traballos, que teñen un orzamento de 144.300 euros. A actuación comezou á altura do punto quilométrico 11+500, nunha parte da estrada que transcorre paralela á ruta xacobea, na que se está a construír unha pasarela de madeira, que contará con malla metálica antideslizante onde fose necesario.
As obras incluirán a roza das marxes, a mellora do pavimento do Camiño en todo ese percorrido, a instalación de dúas pasarelas peonís de madeira, a colocación de barreiras de seguridade e o reforzo da sinalización para advertir aos condutores da posible presenza de peóns. Esta última actuación será especialmente sensible no cruce de Soenlle, no que se está a valorar ademais de reforzar a sinalización, a colocación de bandas rugosas.
Arias afirmou que está é unha das 23 novas intervencións previstas na provincia de Lugo para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos da ruta a Santiago que coinciden coas estradas autonómicas. O investimento total en Galicia será de 1,8 millóns de euros para realizar 39 actuacións ata final de ano.
O delegado lembrou que o ano pasado xa se melloraron outros tres puntos conflitivos do Camiño Norte, dous deles na LU-133 ao seu paso por Ribadeo e Trabada e outro na LU-132 en Lourenzá. En toda a provincia foron 36 actuacións realizadas en 13 estradas en 2021, cun investimento total de 466.800 euros.