Patricia Otero aféalle á Xunta que se negue a dotar ao órgano do orzamento imprescindible para garantir a súa viabilidade
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, esixiulle hoxe á Xunta “celeridade” para a creación do Observatorio Galego da Igualdade no Sector da Pesca. A responsable socialista preguntoulle hoxe no Parlaemtno á Xunta pola súa reticencia á hora de cumprir co acordo parlamentario do pasado 10 de marzo, que aprobaba a creación deste órgano, solicitado pola asociación Mulleres Salgadas.
A responsable socialista sinalou ao debate do Plan Estratéxico no último Pleno do Parlamento, no que o PP rexeitou a proposta de Resolución presentada polo Grupo Socialista para constituír este órgano co orzamento necesario que garanta a súa viabilidade”. Subliñou que unha entidade deste tipo “debe ter a dotación suficiente de persoal técnico e recursos para estudar as causas da desigualdade entre homes e mulleres, realizar unha diagnose e propoñer medidas correctoras”.
Reclamou “celeridade na creación do Observatorio para poder tomar medidas e decisións que melloren a vida das mulleres no sector” nun momento no que ata “faltan estatísticas desagregadas por sexos”, unha situación que cualificou de “inadmisible no momento no que nos atopamos”. Esixiulle ao goberno galego que explique “cando se vai levar adiante” a constitución do Observatorio, e apuntou mesmo a incluílo nos orzamentos do próximo ano.
Salientou a situación das mulleres no mar, confinadas por anos a un papel “invisible e complementario do traballo dos homes”, cando hoxe “tamén as mulleres saen faenar e están en primeira liña de traballo”. Sen embargo, esta función non se corresponde coa representatividade nos órganos representativos e de toma de decisións, ata o punto de que en 63 confrarías tan só hai 6 patroas maiores, apenas o 9,52 por cento, o que evidencia que “algo está a fallar”.