Os populares confían en que “a Xunta responda de forma axeitada á situación do xulgado de paz debido a unha ausencia puntual e imprevisible do secretario durante uns poucos días”
Burela, 15 de setembro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela considera que “o alcalde non está lexitimado para esixir absolutamente nada cando el é o primeiro que non cumpre ou non fai cumprir coas obrigas municipais”.
Os populares consideran axeitada a petición do alcalde e confían en que “a Xunta responda de forma axeitada á situación do xulgado de paz debido a unha ausencia puntual e imprevisible do secretario durante uns poucos días”. Con todo, “pareceríanos máis acertada e incluso máis crible a súa esixencia se fora acompañada do exemplo”.
O portavoz, Manuel Rouco, explica que “o PP, distintas asociacións e incluso dende o propio xulgado de paz lle levamos solicitando en reiteradas ocasións o acondicionamento do acceso para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida e os pais e nais que se teñen que achegar ao xulgado con carros ou sillas para os seus fillos. Os veciños e veciñas de Burela saben ben a que nos referimos: as escaleiras sumamente empinadas e longas que supoñen o principal acceso aos xulgados de paz do Concello”.
“Non era sen tempo que, despois de numerosos anos de reiteradas reclamacións sen que o goberno local do señor Llano fixera nada por solucionar a situación, comezaran fai pouco as obras para habilitar o ascensor do xulgado”, manifesta o popular.
Rouco considera que “o señor Llano tería unha maior credibilidade se predicara co exemplo dentro da administración que rexenta”. A este respecto, pregúntase “qué fixo el cando ao longo de todo o mes de xullo non houbo ninguén que xestionara o padrón do Concello porque a persoa encargada non estaba e non habilitou a ningunha outra para substituíla”. Os populares sinalan que “diversas persoas tiveron que acudir durante varias semanas ao Concello para solventar a súa situación ata que en agosto conseguiron, por fin, empadroarse en Burela”.