Ribadeo, 12 de setembro de 2022. O Concello programa cinco obras de teatro para o último trimestre do ano, que achegarán a Ribadeo a actrices e actores da talla de María Castro ou Carlos Hipólito, entre outros. Hai un abono en venda online, que suporá un aforro do 15% no prezo das entradas soltas.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “no Concello de Ribadeo temos preparada unha interesante programación teatral para o último trimestre deste ano 2022. Trátase de 5 obras seleccionadas do Programa Platea do INAEM, que achegarán á nosa vila a actrices e actores da talla de María Castro, Carlos Hipólito, Pepa Rus e Sol Picó, entre outros”.
A edil ribadense subliñou que “o que imos facer para animar á xente de Ribadeo e da contorna a que acudan a gozar destas representacións é sacar un bono para as cinco obras programadas, que suporá un aforro do 15% no prezo das entradas soltas. Ese abono so se vai vender online na web www.gameoverproductions.es e será ata as doce da noite do vindeiro 28 de setembro. O prezo do abono será de 67 euros (ive incluído)”.
Otero Cabarcos contou que “as representacións terán lugar os días 1, 15 e 29 de outubro, 12 de novembro e 10 de decembro. Serán no auditorio municipal Hernán Naval ás oito da tarde. A Ribadeo chegará o 1 de outubro ¡Viva la Pepa! con Pepa Rus; o 15 de outubro 337 Quilómetros con Néstor Goenaga, Clemente García e Lidia Navarro; o 20 de outubro Malditas plumas con Sol Picó; o 12 de novembro La coartada con María Castro, Miguel Hermoso e Daniel Muriel; e o 10 de decembro Oceanía con Carlos Hipólito”.
A concelleira de Cultura anima “a aproveitar esta oportunidade para ver estas representacións que están de xira e que recalarán en Ribadeo ao longo dos vindeiros meses e un prezo moi axeitado, grazas a ese abono que xa se pode mercar online”.