Os populares consideran inadmisible a discriminación á que somete o goberno provincial ao Concello e di que queda claro que Tomé non ten en consideración ao alcalde
Ourol, 12 de setembro de 2022. Ao longo do mandato foi quedando totalmente claro que a capacidade de xestión do socialista José Tomé e moi escasa e tamén que, dentro da pouca eficacia xestora do goberno provincial, hai concellos que son sistematicamente desatendidos, incluso algúns gobernados por alcaldes do PSOE, como é o caso de Ourol, e o seu rexedor, José Luis Pajón. Así o sinala o portavoz popular en Ourol, José Hermida, que denuncia a marxinación á que, ao seu xuízo, somete o socialista José Tomé a este municipio, como o demostra o feito de que a Deputación aínda estea empezando os traballos de roza nas estradas provinciais a estas alturas do ano. Considera que queda claramente demostrado que Pajón carece de peso no PSOE e que o presidente da Deputación non o toma en consideración
Hermida sinala: “É inaudito que a Deputación deixara pasar todo o verán sen facer a roza das beiras das súas estradas no municipio de Ourol. Como se pode entender que ocorra isto?” El mesmo se dá a resposta: “Eu creo que hai unha dobre explicación. Por un lado, pola deficiente xestión que leva a cabo o goberno presidido por Tomé, que é incapaz de programar os traballos debidamente e facer que as empresas cumpran a programación. Por outro lado, está claro que o desinterese da Deputación por Ourol é unha mostra clarísima de que Tomé, secretario provincial do PSOE, non toma en consideración ao alcalde deste concello, o socialista José Luis Pajón”.
Para o portavoz popular, “é moi grave que a roza non se levara a cabo ata agora, porque supón crear riscos absolutamente innecesarios”. Indica: “Entre outros problemas que xerou que non se rozaran a tempos as beiras das estradas provinciais está o risco para o tráfico rodado e peonil, porque en moitos puntos a maleza limitaba e limita moito a visibilidade”.
No PP cren que o goberno provincial intenta facer responsable do retraso á empresa encargada dos traballos, cando realmente a demora débese a desidia de Tomé e do seu equipo en relación con Ourol, debido á falta de peso do alcalde, José Luis Pajón.