O secretario de organización, José Manuel Lage, participou nunha homenaxe a Ceferino Díaz en Foz, onde denunciou “a brutalidade dos recortes” de profesorado cos que comenzou o novo curso
Foz, 10 setembro de 2022. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage, advertiu hoxe que os recortes perpetrados polo goberno da Xunta no ámbito educativo requiren “da contestación e da reacción” de toda a sociedade galega, pois supoñen un grave deterioro nunha prestación pública que os socialistas consideran esencial.
En declaración feitas na localidade luguesa de Foz, onde participou nun acto de homenaxe á figura de Ceferino Díaz, o responsable de organización do PSdeG puxo de manifesto que o comenzo do novo curso escolar “demostra improvisación por parte da Xunta”, ao tempo que “deixa á vista a brutalidade dos recortes de profesorado na escola pública”.
Lage Tuñas sinalou que os socialistas galegos “vemos con preocupación” como o goberno galego “segue a deteriorar os servizos públicos”, algo que calquera pode verificar no tocante á sanidade, pero tamén no ámbito do ensino, pois os recortes de profesorado e o peche de aulas ou de centros sucédese por toda Galicia.
O tamén portavoz do grupo socialista no Concello da Coruña citou expresamente o caso do IES Punta Candieira de Cedeira, que terá once profesores menos este ano cando a matrícula de alumnos é similar. É un exemplo que se suma a moitos coñecidos nos últimos días, como o do IES Virxe do Mar de Noia, que terá este curso tres profesores menos; o Mendiño de Redondela, con catro menos; o o IES A Sangriña da Guarda, que sofre un recorte de trece docentes en só dous anos.
Tomando en consideración os dous últimos cursos, o 2021-2022 e o 2022-2023, o sistema educativo galego rexistrou “un recorte de máis de 1.500 profesores”, apuntou José Manuel Lage, que botou pola borda calquera intento de avanzar na calidade educativa e de mellorar o rateos profesor/alumnos nas aulas.
UN GOBERNO “AUSENTE”
Lage Tuñas considera que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non pode seguir “sen tomar decisión algunha” ante a precaria situación educativa en Galicia. E tamén se referiu ao responsable de Educación, Román Rodríguez, ao cal aludiu como “conselleiro ausente”, para que dean a cara ante a cidadanía e corrixan os importantes recortes cos que acaba de botar a andar o novo curso.
“As cifras son alarmantes”, subliñou Lage. “Os que primeiro están a sufrir os recortes son os rapaces”, os alumnos e alumnas que acaban de comezar as clases. Pero tamén o sofren, dixo, as familias e as asociacións de nais e pais, que se senten desprotexidas antes esta situación de menoscabo do ensino galego.
Deste xeito, o dirixente socialista dixo que fronte a estes recortes “só cabe a contestación e dicir ben alto e ben claro que o Partido Popular está precarizando os servizos públicos”.
HOMENAXE A CEFERINO DÍAZ
O secretario de organización do PSdeG fixo estas declaracións n Foz, nun acto de homenaxe a Ceferino Díaz, considerado polo partido como un exemplo permanente do compromiso político con Galicia.
A homenaxe, na que tamén participou a filla de Ceferino Díaz, a deputada autonómica Noa Díaz, así como o alcalde de Foz, Francisco Cajote, ou os seus homólogos de Xermade, Roberto García, e Cedeira, Pablo Diego Moreda, consistiu e ofrenda floral á carón do monolito erixido hai uns anos en memoria de Ceferino.
Acto seguido, tivo lugar unha mesa redonda sobre as formas de facer política, na que participaron os alcaldes de Foz e Cedeira, así como a pontevedresa Margariña Valderrama ou o xornalista Ernesto Sánchez Pombo, e pecháronse os actos cun xantar.