NOTA DE PRENSA:
O BNG PIDE QUE O GOBERNO GALEGO POÑA EN MARCHA MEDIDAS QUE GARANTAN O FUTURO DE “CÉRAMICA SARGADELOS”
Fernando Blanco presenta unha iniciativa na Cámara galega co obxecto de activar medidas para o mantemento dos postos de traballo e a viabilidade do grupo empresarial Cerámica de Sargadelos S.L
Santiago de Compostela, 6 agosto, 2010. O deputado do BNG, Fernando Blanco rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego na que insta a Xunta a poñer en marcha todas as iniciativas necesarias que garantan a viabilidade do grupo de empresas de Cerámica Sargadelos S.L e o mantemento dos postos de traballo.
O deputado nacionalista explica que este grupo empresarial conta cun cadro de persoal de 121 traballadores/as nas súas instalacións de Cervo e o anuncio da empresa de prescindir de parte deste persoal significaría –na súa opinión- “un grave problema económico para os veciños e veciñas da comarca da Mariña lucense, vinculados/as laboralmente a Sargadelos.”
Blanco lembra que a maior parte do persoal do que prescindirá a empresa son mulleres que realizan un “traballo especializado” na fabricación de cerámica de alta calidade.
O deputado nacionalista tamén traslada ao Parlamento galego “a preocupación dos traballadores/as” así como a de moitas persoas que consideran “Sargadelos como unha referencia de expresión cultural galega”.