Entre as funcións da rede están promover a participación activa do sector en proxectos de investigación, mostraxes, monitoreo e probas tecnolóxicas e impulsar estudos e accións de seguimento que contribúan a alcanzar unha xestión sustentable dos stocks e caladoiros de pesca a nivel galego
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou hoxe o acto de constitución da Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, unha iniciativa pioneira na comunidade galega e creada pola Xunta para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.
Neste acto, celebrado na Cidade da Cultura, a titular de Mar puxo de relevo que este órgano enriquecerá os datos e argumentos de Galicia a favor dunha xestión marítimo-pesqueira na que estean en equilibrio os criterios medioambientais, económicos e sociais e para garantir o futuro do mar promovendo unha xestión responsable. Neste sentido, destacou a necesidade de máis datos biolóxicos, ambientais e socioeconómicos para defender os intereses de Galicia ante institucións como as europeas e fixo fincapé en que esta rede representa o potencial de Galicia neste ámbito.
Ademais Rosa Quintana subliñou que esta iniciativa aglutina a experiencia dos axentes relacionados co medio mariño, permitirá explorar conxuntamente os novos intereses da industria do mar e tratará de darlles resposta. Nesta liña, enxalzou o traballo do sector e dos organismos científicos de Galicia a prol da pesca sustentable e competitiva. Un labor, incidiu, que permitiu “afondar na mellora das metodoloxías de traballo coas que protexer o medio e os recursos mariños da comunidade galega”.
Esta iniciativa concorda co que promove o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca en relación á colaboración entre os sectores científico e pesqueiro e entre as súas funcións están promover a participación activa do sector en proxectos de investigación, mostraxes, monitoreo e probas tecnolóxicas e proporcionar o seguimento científico necesario para as actividades de xestión dos recursos mariños incorporando o coñecemento do sector pesqueiro.
Entre os seus labores tamén está impulsar estudos, proxectos piloto, a compilación de datos e accións de seguimento que contribúan a alcanzar unha xestión sustentable dos stocks e caladoiros de pesca a nivel galego. Outra das funcións que abarca é a de asesoramento no campo da pesca.
A Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia está coordinada baixo a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e componse de membros da Federación Galega de Confrarías e de cada unha das tres federacións provinciais; do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar); do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA); do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico; das tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo); da Axencia Estatal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); do Consello Galego de Pesca; do colectivo de marisqueo a pé, da Federación de redeiras e dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). No acto de hoxe participan tanto representantes da administración galega como do sector pesqueiro e das entidades de investigación mariña máis importantes da comunidade.