Ribadeo, 1 de setembro de 2022. Chega a segunda edición de SetembroXNatural, que ten como obxectivo ofrecer un destino vacacional tranquilo e con encanto, no que gozar de diversas propostas en escenarios naturais. A programación foi presentada polo concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, acompañado das edís de Obras e de Cultura, Mónica Freire e Pilar Otero, e pola técnica de Turismo, Begoña García.
O edil ribadense contou que “o Concello de Ribadeo pon en marcha a segunda edición de SetembroXNatural, que ten como obxectivo ofrecer un destino vacacional tranquilo e con encanto, no que gozar de diversas propostas en fermosos entornos naturais como a ría de Ribadeo, a rasa costeira, as praias, etc, a través de distintas iniciativas coas que se pretende desestacionalizar o turismo e favorecer que a tempada alta se alongue”.
Pablo Vizoso explicou que “nesta liña SetembroXNatural inclúe propostas tan diversas como: arqueoloxía na ría de Ribadeo, XeoRutas con edicións especiais ou rutas na natureza, carreiras populares como a media maratón das Catedrais, exaltacións de produtos da horta co día do produto local e o FeltivalEo de alimentación sustentable, actividades de orientación para familias, concertos na natureza e moitas outras”.
O concelleiro de Turismo indicou que “a través deste abano de actividades, que conxugan formación e ocio en contacto coa natureza, pretendemos facer do mes de setembro un tempo para tomar contacto coa natureza e ampliar os coñecementos sobre ela, dirixíndonos tanto para os/as ribadenses como para veciños da contorna e visitantes nacionais e internacionais”.
Para coñecer máis sobre estas actividades as persoas interesadas poden dirixirse á páxina web de turismo: www.turismo.ribadeo.gal ou achegarse á oficina de turismo de Ribadeo, onde obterán cumprida información.
Hoxe, 1 de setembro, desenvólvese a XeoRuta dos Pregues; o 3 de setembro a arqueoloxía subacuática será a protagonista; o 9 de setembro haberá concerto na natureza, o día 10 está programado un roteiro pola senda azul de Ribadeo; o 11 de setembro será o día do produto local; o 12 haberá unha edición especial por terra da XeoRuta dos Arcos e o 13 edición especial da mesma por mar; o 17 de setembro desenvolverase a VIII Media Maratón As Catedrais; os días 23 e 24 terá lugar o FestivalEo de Alimentación Sostible; e para o 25 de setembro está programada a segunda edición de Orienta Ribadeo.