A MARIÑA .- A consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Alcoa colaboran nun proxecto de prevención de riscos laborais en centros de FP da Mariña que se estenderá a toda Galicia o próximo curso. A conselleira de Educación e o director de Alcoa San Ciprián presentaron este programa que se porá en marcha este curso no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo; no Instituto de Educación Secundaria (IES) Perdouro, de Burela; e IES María Sarmiento, de Viveiro.
Nota de Prensa
Educación e Alcoa colaboran nun proxecto de prevención de riscos laborais en centros de FP da Mariña que se estenderá a toda Galicia o próximo curso
A conselleira de Educación e o director de Alcoa San Ciprián presentaron este programa que se porá en marcha este curso no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo; no Instituto de Educación Secundaria (IES) Perdouro, de Burela; e IES María Sarmiento, de Viveiro
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, e o director de Alcoa San Ciprián, José Manuel Alvarado Cendán, presentaron este mediodía no Instituto de Educación Secundaria (IES) María Sarmiento, de Viveiro, un programa pioneiro na prevención de riscos laborais nas ensinanzas de Formación Profesional que se porá en marcha este curso en tres centros de FP da comarca da Mariña lucense. Son o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo; o Instituto de Educación Secundaria (IES) Perdouro, de Burela; e o IES María Sarmiento, de Viveiro. A oferta formativa destes centros abarca familias profesionais que polas súas características demandan unha atención máis específica neste eido, como son Fabricación Mecánica, Edificación e obra civil, Electricidade-Electrónica ou Mantemento de vehículos autopropulsados.
En concreto, este proxecto desenvolverase nas aulas de informática e talleres de construción, maquinaria, mecanizado, chapa e pintura e talleres de electricidade-electrónica destes centros. Para a formación do profesorado e do alumnado contarase coa colaboración de profesionais cualificados da Fundación Alcoa, así como con profesorado especialista en materia de riscos laborais dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
A máxima responsable da Administración educativa galega destacou “a valentía e ganas de colaborar” dos centros implicados ao tempo que salientou a cooperación entre estes tres centros e “a mellor empresa do mundo neste sector”, tal e como afirmou o responsable da entidade na súa intervención, sinalou Sánchez Piñón.
De cara a instaurar a cultura de prevención en riscos laborais nestas ensinanzas, a través deste programa formarase ao profesorado e alumnado en seguridade e prevención de riscos laborais así como en primeiros auxilios; e avaliaranse os riscos laborais en máquinas e instalacións e a seguridade e hixiene nas instalacións das familias profesionais de Administración, Fabricación Mecánica, Edificación e obra civil, Electricidade-electrónica, Imaxe persoal e Mantemento de vehículos autopropulsados.
Ao mesmo tempo, este proxecto piloto inclúe a elaboración de procedementos para un traballo seguro, de fichas resumidas de seguridade de produtos químicos empregados nas instalacións, o establecemento de equipos de protección individual necesarios, e a sinalización dos riscos en máquinas e instalacións, así como a observación de medidas de seguridade nun centro de traballo real.
A conselleira de Educación destacou a intención de estender este proxecto en vindeiros cursos a outras provincias e familias profesionais, como Madeira e Moble, Administración, Imaxe Persoal ou Mantemento de Servizos á Produción. Así, Sánchez Piñón indicou que se trata dun proxecto “moi ben artellado”, resultado do esforzo de moitos profesionais: o profesorado dos centros implicados, o persoal de Alcoa, e o da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.
Ademais, a titular da Administración educativa galega realizou un chamamento ao profesorado e ao alumnado asistente ao acto destacando a necesidade de incrementar ata o 85% a porcentaxe de estudantes con formación posobrigatoria.