Ribadeo, 18 de agosto de 2022. Ribadeo recupera o seu tradicional festival de bandas de música, que non se celebrou estes dous anos anteriores debido á pandemia. Organizado pola asociación Amadores da Música, celebrarase este sábado, día 20, coas actuacións da Banda Municipal de Música de Meira e a ribadense.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, anunciou que “o sábado 20 de agosto toca o festival de bandas, que recuperamos despois destes anos que non puidemos facelo por culpa da pandemia. E recuperámolo coa Banda Municipal de Música de Meira máis a Banda Municipal de Música de Ribadeo. Terá lugar no auditorio Hernán Naval ás 20 horas, pero previamente, ás sete e media da tarde, tanto a Banda de Meira como nosoutros faremos un pasacalles dende o Teatro ata o Campo de San Francisco para ir xa animando un pouco á xente a que se achegue ao auditorio e que disfruten da música de banda, que é do que se trata”.
David Ballester anima á xente a que se achegue ao auditorio Hernán Naval do sábado 20 ás oito da tarde “para disfrutar do festival de bandas, no que este ano, como novidade, e xa que só somos dúas bandas porque foi complicado atopar máis, polas datas e demais, actuará primeiro a Banda de Meira, logo actuaremos nosoutros e despois tocaremos as dúas bandas conxuntamente un par de obras, para facer esa unión que necesitamos agora as bandas e a cultura para tirar para diante e que todo volva á normalidade ao cen por cen”.