Nota de Prensa
O deputado popular participou nunha xuntanza co Presidente do ente portuario galego, Álvarez Campana, acompañado do Presidente da Asociación de Comerciantes, directivos do Club Náutico e do presidente da xestora do PP local
BALSEIRO E REPRESENTANTES DO MUNDO ASOCIATIVO FOCENSE ACADAN O COMPROMISO DE PORTOS DE GALICIA PARA ACOMETER O DRAGADO DE PORTO CHICO E DA DÁRSENA PRINCIPAL
* O ente público autonómico dependente da Consellería do Mar acometerá esta actuación unha vez resoltos os trámites previos imprescindibles que debe desenvolver en concurso con outras administracións.
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2010.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, participou no día de hoxe nunha xuntanza co presidente do ente portuario galego, Jose Manuel Álvarez Campana, na que abordaron a posta en marcha de varias actuacións de importancia no concello lucense de Foz. O deputado popular estivo acompañado do presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) local, Juan Carlos Paleo, do presidente e do secretario do Club Náutico desta localidade, Francisco Fernández Rego, e do presidente da xestora do PP focense, Ramón Fernández.
Tanto Jose Manuel Balseiro Orol como os representantes do mundo asociativo focense acadaron o compromiso de Portos de Galicia para acometer unha das actuacións máis demandadas polos usuarios das instalacións portuarias focegas: o dragado da canle de acceso ao Porto Chico e á dársena principal do peirao focense. O ente público autonómico dependente da Consellería do Mar acometerá esta actuación unha vez resoltos os trámites previos imprescindibles que debe desenvolver en concurso con outras administracións.
Balseiro explicou que no transcurso da xuntanza informouse de que o ideal sería aproveitar a area procedente do dragado da ría para que puidera trasladarse a algúns dos areais da comarca, de tal xeito que o departamento estatal de Costas a empregara para a rexeneración das praias. Tamén indicou que correspondería a Capitanía Marítima autorizar un punto de vertido o máis preto posible da zona na que se efectúen os traballos de dragado para así facilitar a execución do proxecto.
Resoltos estes trámites –indicou Balseiro- Portos de Galicia, a Xunta, procedería a aprobar na data máis próxima posible a licitación desta obra, de tal xeito que sexa realidade este proxecto tan demandado polos homes e mulleres do mar de Foz.