Ribadeo, 12 de agosto de 2022. O salón de plenos do Concello de Ribadeo acolleu a recepción ofrecida ao piragüista Nicolás Gayol Santamarina, que acadou o 9º posto en K2 500 metros no Campionato de Europa Junior coa selección española. A cita tivo lugar en Serbia.
Na recepción, Nicolás Gayol estivo acompañado pola súa familia e polo secretario do Club Altruán, José Ángel Fernández. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e Servizos Sociais, Pablo Vizoso e Mónica Freire, así coma o técnico de Deportes, Iván López.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, felicitou a Nicolás Gayol: “esperemos Nico que poidas seguir adestrando, que o fagas aquí na ría de Ribadeo, adestrando todo o ano nunhas instalacións mellores e máis dignas. Esperemos que sigas colleitando triunfos, que si non os colleitas tampouco pasa nada, non vamos aquí a alucinar con que todos os días hai que ser noveno nun campionato de Europa, está moi ben todo o que fagas. Que o fas ben, fenomenal, aquí te recibimos. Que non, aquí estamos para darche a noraboa cando te vexamos por aí. Tes 17 anos polo que me dixeches, es moi novo, aínda que teñas corpo de home es moi novo, non deixes de estudar, é o que che pedimos como ao resto de deportistas ribadenses que pasan por actos similares a este”.
O secretario do Club Altruán, José Ángel Fernández, subliñou o esforzo realizado por Nicolás Gayol: “agradecerche o esforzo que hai detrás de todo isto. Voume centrar no teu esforzo persoal, que durante todos estes anos estiveches levando, déuseche o material, os adestradores, o que puidemos nas nosas mans ofrecerche, pero indudablemente sen a túa dedicación e pundonor non terías conseguido o que conseguiches”. Fernández tivo tamén palabras de agradecemento para a colaboración ofrecida polo Concello de Ribadeo.
E pola súa parte, Nicolás Gayol manifestou: “dar las gracias a Fefo porque fue el que me enseñó todo lo de piragüismo y gracias a todos”.