Ribadeo, 9 de agosto de 2022. O Concello procede estes días ao lavado dos contedores verdes. O alcalde, Fernando Suárez, lémbralle á veciñanza que o lixo débese botar en bolsas pechadas para evitar a saída de líquidos e lixiviados.
O rexedor comentou que “xa temos dito que sendo a limpeza viaria responsabilidade do Concello, en realidade é cousa de todos e todas nós se queremos vivir nun entorno agradable. Nestes días estanse lavando afeito os contedores para evitar os malos cheiros agudizados co calor. Todo o mundo sabe, ou debería, que o lixo débese botar en bolsas pechadas para evitar a saída de líquidos e lixiviados”.
Suárez Barcia contou que “o persoal de limpeza pásame fotos de 2 contedores lavados o 4 de agosto. As derradeiras foron tomadas nos mesmos contedores onte, luns, 8 de agosto. Coas temperaturas que temos, e se non hai coidado, de nada serven os traballos de limpeza que o servizo de medio ambiente fai porque todo ese líquido fermenta e arruína todo o traballo realizado. Ollo, e dito todo co mellor ánimo e vontade para que a cousa vaia ben”.