Os nacionalistas recórdanlle ó PP que as competencias en Sanidade son da Xunta de Galiza
Burela, 5 de agosto, 2022. Este xoves no pleno do concello de Burela o PP presentaba mocións nas que pedía que o concello de Burela asumise competencias exclusivas da Xunta de Galiza como son Educación e Sanidade.
Para o voceiro do BNG, Mario Pillado “Estas mocións responden a un interese totalmente electoral e teñen como obxectivo descargar gasto que lle corresponde á Xunta nas arcas municipais”.
“Parécenos moi grave a moción na que se pide un servizo municipal de fisioterapia a domicilio. O centro de saúde de Burela é o único da comarca que non conta con servizo de fisioterapia. O Sergas ten que dotar o noso centro de saúde do servizo de fisioterapia como fixo en Mondoñedo, onde investiu 130.000 euros, e logo, se é posible artellar o mesmo servizo a domicilio” continuou Pillado
Ademais o voceiro nacionalista indicou que “foi tamén lamentable a intervención do voceiro do Partido Popular, Manuel Rouco, con respecto a moción da plataforma sanitaria sobre saúde mental e drogodependencias, chegando a faltar ó respecto de profesionais que viñeron simplemente a explicar a situación no seu ámbito e pedir solucións, sen facer ningunha alusión política, e negándose a retirar as súas verbas como nós lle pedimos.”
O PP debe poñerse a traballar e cumprir coas súas obrigas
O voceiro do bloque, Mario Pillado finalizou dicindo que “con este tipo de iniciativas o PP demostra a súa total incompetencia e inutilidade á fronte da Xunta. Deben poñerse a traballar, a xestionar e a gobernar porque é a súa obriga. Con esta actitude mostran que non están pra gobernar e a veciñanza vainos colocar no seu sitio. Son oposición en Burela e na Mariña e vano ser en Galiza Esta iniciativa do servizo de fisioterapia é unha falta de respecto á veciñanza de Burela e dende logo non van contar con nós para ese fin”