Viveiro, 5 de agosto de 2022. O Concello de Viveiro acolleu hoxe a presentación da XXXVIII Feira de Artesanía, que se celebrará nos xardíns Noriega Varela entre os días 12 e 21 de agosto.
Despois de dous anos de limitacións pola pandemia, a feira terá este ano 32 stands e a presenza de numerosos profesionais deste eido.
Como novidade, este ano haberá ademais un stand efémero, no que algúns días haberá artesanos e outros obradoiros ou demostracións do oficio.
“Unha referencia no sector, unha feira que destaca pola calidade e a variedade da artesanía, polo que estou convencida de que será un éxito”, afirmou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.