Un ano máis volve haber problemas para formar unha das Brigadas de Prevención e Defensa de Incendios Forestais do concello, o máis extenso de Galiza e con moitos núcleos con grave risco debido ao desleixo da administración local e autonómica no cumprimento da limpeza e ás escasas distancias das plantacións de especies pirófitas a estes
A Fonsagrada, 5 de agosto de 2022. En pleno mes de agosto, en temporada de risco extremo para que se produzan incendios, e o Concello de A Fonsagrada está facendo un novo chamamento para a contratación de Xefe de Brigada nunha delas, posto que ó proceso de selección inicial a este posto só se presentou unha persoa, que xa desempeña a súa función na que xa está operativa.
Esta situación que non é nova porque xa se deu no pasado verán vén dada pola tardanza en facer o anuncio da convocatoria por parte do Goberno local. Desta tardanza, o Goberno culpa á Xunta no retardo na concesión das brigadas, pero no BNG temos a sospeita de que puido haber unha vez máis retardo na solicitude destas, xa que nos concellos limítrofes de Negueira e Ribeira de Piquín as convocatorias fixéronse con antelación á nosa, e o persoal optou por inscribirse nelas ante o temor de quedar sen a posibilidade de traballar este verán, posto que non sería a primeira vez que no noso concello non hai Brigadas de Prevención do lume como se deu nalgún ano dos mandatos do alcalde Argelio Fernández Queipo, ao non velas este necesarias.
Porén, no BNG sabemos que a Xunta non é allea a esta demora dado o desleixo na actuación da Consellaría do Medio Rural que levou a que o PLADIGA non se apróbase antes do mes de xuño. Con este retardo resulta imposíbel realizar a necesaria política de prevención, un aspecto completamente marxinado polo Partido Popular na Xunta.
O BNG insta á equipa de Goberno Municipal e á Consellaría do Medio Rural a tomar as medidas necesarias para que esta brigada estea operativa inmediatamente e para que a situación non se volva repetir noutros anos, e advirte á veciñanza de que as Brigadas de Prevención dos Incendios teñen que actuar cando haxa lumes no noso territorio, pero que o seu labor principal é o da prevención destes, polo que entre todas e todos teremos que velar para que sexa ese o traballo que realicen.