A mostra está impulsada pola asociación de fotografía “Os Negativos”
Viveiro, 4 de agosto de 2022. As rúas de Viveiro xa acollen a exposición fotográfica “Espazos Alternativos”, impulsada pola asociación de fotografía “Os Negativos” e que conta coa colaboración do Concello de Viveiro.
A mostra “Espazos Alternativos” busca converter as rúas da vila nun museo dinámico, ademais de divulgar a importancia artística da fotografía. Deste modo, as fotografías colocáronse en distintos establecementos e edificios de Viveiro, coa colaboración do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, a quen o Concello lle agradece a súa implicación.
As imaxes poden observarse nos seguintes establecementos: Calzados Albo (cara á estrada), Cody, Vale, Irimia, Vogue, Zurich, Pastelería Mary Carmen, Sulian (na esquina coa rúa da zapatería) e na Farmacia Sara Varela. Ademais, colocáronse seis imaxes no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, dúas no Concello de Viveiro, dúas na Biblioteca e unha na clínica dental situada no piso superior da administración de lotería da Praza Maior.
Concretamente, expoñen os seus traballos os fotógrafos José Emilio Gómez, Tonete López, Pedro Michelena, María Castro, César Cancelos, Antonio Vázquez, José Manuel García, Paco López, Guillermo Pazos e Juan Manuel Ocaña.
Ademais, no marco do programa das Festas Patronais, o próximo venres 19 de agosto a Asociación “Os Negativos” ofrecerá a proxección fotográfica “60 minutos en positivo”. A cita será ás 23:00 na Praza Maior de Viveiro.