Existe un acordo unánime entre as tres forzas do Parlamento de Galicia (PSdeG, BNG e PPdeG) para esixir do Poder Central a transferencia das competencias na xestión do litoral. Galicia sofre dunha lexislación de costas e dunha praxe administrativa totalmente desaqueladas a respecto das nosas necesidades. Galicia ten moitos núcleos de poboación e actividades produtivas no dominio público marítimo-terrestre e a esquerda española, que só coñece o modelo mediterráneo, non entende a importancia destas nosas especificades.
Porén, Pedro Sánchez ven de rexeitar as febles reivindicacións que lle expresou Alfonso Rueda neste senso na súa recente xuntanza. Segundo o madrileño Galicia ten de reformar o seu Estatuto para se atribuir estas competencias, como fixeron Catalunya, Andalucía ou, moi recentemente as illas Canarias. Mais o certo é que o Estado podería transferir estas competencias a medio dunha lei orgánica ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución, que autoriza empregar esta ferramenta no caso de competencias susceptíbeis, pola súa propia natureza, desta transferencia. Así se fixo no seu día para ampliar os teitos competenciais do País Valencià e das propias Canarias ou para lle atribuir a Galicia competencia en policía de espectáculos.
Galicia precisa dun Estatuto de Nación que nos garanta un amplo teito competencial blindado, un financiamento abondo e acaído e un status xurídico de igualdade entre o galego e o castelán. Mais o PPdeG non partilla este obxectivo. Por outra banda, a evolución do sistema xurídico-politico español amosou a súa faciana máis recentralizadora coa implícita mutación do dereito das nacionalidades á autonomía, que o Tribunal Constitucional considerou limitado de vez pola posibilidade do Poder Central de cesar Gobernos e disolver Parlamentos a medio do artigo 155 da Constitución.
Mais o mellor ás veces dificulta acadarmos o menos malo. Cómpre facermos da necesidade virtude e propor un acordo de País para ampliarmos o Estatuto de Galicia nas cuestións que poderían xerar a unanimidade parlamentaria. Estas cuestións serían de ampliación competencial (xestión do litoral, salvamento marítimo, réxime local, tráfico e seguridade viaria, as autoestradas AP-9 e AP-53, os ferrocarrís de proximidade e media distancia, mantemento da rede estatal de estradas…) e de regulación estatutaria tanto de institucións como o Valedor do Pobo, os Consellos de Contas, Consultivo e Económico-Social como dos principios comúns ás Administracións autonómica e locais: legalidade, eficacia, economía, eficiencia, boa fe, confianza recíproca. Cumpriría tamén incorporarmos os dereitos sociais e económicos de terceira xeración: saúde, protección social e ambiental, igualdade…
Saberá o PPdeG estar á altura deste repto?