O Deputado de Recursos Sostibles sinalou a importancia do sector primario en xeral e do gandeiro en particular para “garantir o futuro do noso rural” porque se trata dun sector “que fixa poboación, coida o medio ambiente e axuda á ordenación do territorio”
Lugo, 22 de xullo de 2022. O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este venres na homenaxe aos gandeiros e gandeiras da provincia que cesaron a súa actividade por xubilación nun acto organizado pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Rubia Galega (Acruga) este mediodía no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Unha cita na que Fernández Rico aproveitou para poñer en valor o traballo dos gandeiros e tamén para destacar o compromiso da Deputación de Lugo co sector primario en xeral e co gandeiro en particular.
Xunto ao Deputado participaron neste acto o Presidente de Acruga, César Dorado, o Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela.
Roberto Fernández Rico comezou agradecendo a labor dos gandeiros por ter traballado “nunha das profesións máis importantes, máis bonitas e probablemente máis sacrificadas que hai. Un traballo que non sabe de horarios, que non sabe de festivos, e que non está pagado, nin recoñecido como debería. Un traballo que identifica como ningún outro a esta provincia, e que temos o deber de poñer en valor dunha vez por todas”.
Sinalou que a gandería é imprescindible “para garantir o futuro do noso rural, un sector que fixa poboación, que coida o medio ambiente, e que axuda á ordenación do territorio e á prevención dos incendios forestais, que, por desgracia, tanto estamos sufrindo estes días, outra vez, na nosa provincia”. Porque segundo apuntou Fernández Rico, “o sector gandeiro, o conxunto do sector primario, é fundamental a nivel económico, como fonte de riqueza e de emprego, pero tamén como garante da nosa capacidade de abastecemento cando chegan os momentos difíciles, como os que vivimos coa pandemia, e como os que seguimos vivindo”.
Destacou o Deputado o compromiso da institución provincial con este sector, “por iso actuamos decididamente con diferentes políticas e estratexias, que desenvolvemos en colaboración coa Universidade e co propio sector produtivo, para que sexan accións eficaces, que respondan ás necesidades e que aproveiten as potencialidades da nosa provincia”.
Puxo como exemplo o traballo desenvolvido na Granxa Gayoso da Deputación de Lugo, en Castro de Rei, onde explicou que entre outras cuestións, a institución desenvolve un labor de apoio á recría de becerras de raza Rubia Galega coa colaboración de Acruga; pero tamén ten un centro de recría de gando vacún de leite, “o primeiro de iniciativa pública creado en España, co que estamos aforrando a día de hoxe ós gandeiros da provincia medio millón de euros ó ano nas labores de recría”; e a Granxa Experimental de Leite, “que é o primeiro centro público de Galicia que aúna formación e investigación universitaria sobre o sector lácteo para axudar ás explotacións a ser máis competitivas, produtivas e sostibles”.