Lugo, 18 de xullo de 2022. Medio Rural da Deputación de Lugo informou do inicio dos traballos financiados pola institución provincial nos aparcadoiros de Nois e Pico do Castro, en Foz.
As actuacións comezaron o pasado xoves, cos traballos de limpeza e nivelado da parcela situada en Nois, a carón do CEIP Fondo Nois, onde se creará unha zona de aparcadoiro de areón compacto con 40 prazas. Un servizo demandado polas familias con nenos e nenas no centro para dar maior fluídez e seguridade á zona no momento da entrada e saída do colexio.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire e o tenente alcalde de Foz Xavier Fanego, que acordaron o investimento, subliñaron que “co inicio das obras se cumpre co compromiso adquirido coa veciñanza, con axilidade e eficacia, como nos propuxemos desde o inicio desta colaboración entre as dúas institucións”.
O proxecto, que está a executar Tragsa, contempla tamén o acondicionamento do aparcadoiro de Pico do Castro, fronte ao cemiterio parroquial, con aglomerado, e suporá un investimento total de 37.000 euros por parte de Medio Rural.