A Mariña, sábado 9 de xullo 2022. Este sábado o BNG presentou no muelle de Foz os actos que a formación vai celebrar na Mariña previos ao 25 de xullo, Día da Patria Galega. Asistiron o deputado Daniel Castro, o responsable comarcal Antonio Veiga, membros do Bng de Foz e Barreiros e mais do consello comarcal, así como Diego Núñez, focego e deseñador do cartaz nacional deste ano.
O primeiro dos actos será a Bonitada que as nacionalistas de Barreiros organizan na área recreativa da Insua, o domingo 17 de xullo a partir das 14.00, e que vai xa pola XVI edición, con actuacións musicais e actividades lúdicas. Este xantar é aberto a todos aqueles que queiran asistir, comunicándoo previamente ao Bng para reservar praza.
O martes 19 de xullo ás 20:00 na Praza de Galicia en Foz terá lugar un acto público co deputado no Congreso Néstor Rego e no que se tratarán temas relativos á comarca e avanzaránse propostas e alternativas para a situación que atravesa A Mariña e o país en xeral.
O mércores 20 de xullo desde a formación xuvenil Galiza Nova organizan o despregue da bandeira da Patria en Viveiro.
A XXVII edición da Festa da Patria en Foz terá lugar o sábado 23 de xullo, con chicharros lañados, pan e viño e tamén actuacións musicais.
E para asistir á manifestación nacional do 25 de xullo en Compostela e demais actividades que alí se van celebrar ese día, o BNG pón a disposición de mariñás e mariñaos un servizo de bus gratuito. O teléfono de contacto é o 982 140 654 e o correo é amarinha@bng.gal
Unha Mariña con futuro nunha Galiza libre, xusta e próspera
Desde o BNG convidan a toda a comarca a participar nestes actos, para facernos valer, para gañarmos o futuro, para demostrar que somos un pobo que sabe defender o seu e loita, desde valores democráticos e republicanos por un futuro de liberdade e soberanía, porque na Mariña hai futuro, nunha Galiza libre, xusta e próspera, nun país e nunha comarca en que se poida vivir e traballar, que aposte pola defensa dos servizos públicos, especialmente a sanidade, o emprego e a industria (sobre todo nesta comarca que sufre un desmantelamento contínuo neses eidos), pola pesca, polo rural, e pola igualdade e a protección social.