Nota de Prensa
O voceiro do PPdeG matiza que non se pide a condonanción da débeda, senón outra vía para que Galicia non teña que pagar unha cantidade anual que conleve a imposibilidade do mantemento de servizos públicos e das capacidades mínimas de inversión
O PPdeG presentará mocións nos concellos solicitando ao Goberno central o aprazamento da devolución da débeda da Comunidade
* Miranda subliña que a actual Xunta xa se ve na obriga de facer fronte a un esceario orzamentario difícil, polo que o que menos lle convén é que se lle sume a carga dunha débeda xerada pola irresponsabilidade conxunta do Goberno central coa complicidade do bipartito
* Dita débeda obriga a Galicia a pagar unha media de 500 millóns anuais ao Estado nos vindeiros exercicios ata 2016 e por iso os populares piden o aprazamento ata que a economía medre a un ritmo do 2%
* Zapatero, coa súa negativa ao aprazamento, está impoñendo ás Comunidades un novo recorte social encuberto e ante unha devolución irresponsable os populares esíxenlle un procedemento responsable
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2010.- O voceiro do Partido Popular de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou hoxe que os populares presentarán mocións nos plenos das corporacións municipais dos concellos galegos solicitando ao Goberno central o aprazamento da devolución da débeda de case 2.600 millóns de euros da Comunidade. Dita débeda obriga a Galicia a pagar unha media de 500 millóns anuais ao Estado nos vindeiros exercicios ata 2016.
A iniciativa de presentar mocións a través dos Grupos Municipais do PP nace do feito de que os concellos tamén se verán inevitablemente afectados pola crítica situación económica na que se vería a Comunidade se non se lle permite un aprazamento da devolución das liquidacións negativas dos exercicios de 2008 e 2009.
Nesta liña, Miranda fixo fincapé en que a actual Xunta xa se ve na obriga de facer fronte a un esceario orzamentario difícil, polo que o que menos lle convén agora é que se lle sume a pesada carga dunha débeda que, por outra banda, se xerou pola irresponsabilidade conxunta do Goberno central nas súas estimacións de ingresos e do Goberno bipartito por gastar ese diñeiro.
Con respecto a isto, o dirixente popular subliñou que o Goberno galego está facendo fronte a unha redución da capacidade de endebedamento a 729 millóns de euros, case a metade que no presente exercicio, xa que pasará do 2,5 ao 1,3% do PIB galego, polo que dispoñerá de 800 millóns de euros menos de recurso á débeda.
Así mesmo, Miranda lembrou que o Goberno galego terá en 2011 un total de 964 millóns de euros de ingresos totais menos respecto ao presente erxercicio, situación á cal se suma o inconveniente de que os ingresos non financeiros caen nun 1,7%, é dicir en 160 millóns, polo que pasarían de 9.637 millóns a 9.477 millóns de euros.
Polo tanto, segundo indicou Miranda, Galicia está contra as cordas e por iso se fai necesario o respaldo a nivel autonómico e tamén municipal da petición do Goberno galego dun diferimento da devolución da débeda ata que a economía volva medrar a un ritmo do 2%, e “pídese por responsabilidade, non por insumisión ou rebeldía fiscal, porque non se queira asumir esa débeda”. Nesta liña, o popular matizou que non se está a pedir condonanción ningunha da débeda, senón buscar outra vía para que Galicia non teña que pagar unha cantidade anual que conleve a imposibilidade do mantemento de servizos públicos e das capacidades mínimas de inversión.
Segundo o dirixente popular, Zapatero, coa súa negativa ao diferimento da devolución está impoñendo ás Comunidades un novo recorte social encuberto e sentencia que o Goberno central é culpable de obrigar ás Comunidades a realizar estes axustes para solucionar os seus problemas e o déficit público no que está incurrindo. Por iso, ante a petición dunha devolución irresponsable os populares esíxenlle un procedemento responsable.