Nota de Prensa
Os deputados provinciais do PP pola Mariña acusan a Lara Méndez e Melchor Roel de dar as costas á comarca
* Aseguran que á hora da verdade agachan a cabeza ante o que lles manda o partido e non defenden os intereses dos veciños ós que representan”
A Mariña, 30 de xullo de 2010.- Os deputados provinciais do Partido Popular pola Mariña acusan ós seus homólogos Lara Méndez e Melchor Roel de “non defenden os intereses da comarca á que representan porque, á hora da verdade, agachan a cabeza e suscriben o que lles manda o seu partido”. Aseguran que “ós socialistas váiselles toda a forza pola boca: moito defender a Mariña de pico, pero á hora de votar, votan contra os intereses de toda a Mariña”.
Refírense, en concreto, á negativa dos socialistas a apoiar a moción presentada polo PP na que instaban a Fomento a cumprir os prazos e manter o nivel orzamentario en todas as obras comprometidas para a provincia de Lugo.
“Os retrasos da Autovía do Cantábrico serán en boa parte responsabilidade de Méndez e Roel que votaron en contra de esixir ó Ministerio de Fomento que cumpra os compromisos que ten asumidos coa provincia. E se non se fai a autovía Barreiros-San Cibrao, da que nin sequera sabemos se as alegacións están resoltas, será porque tamén ambos, co seu voto, apoiaron os recortes de José Blanco”, aseguran.
Os deputados populares foron contundentes: “pedímoslles que den a cara, e expliquen públicamente o seu voto contrario ós intereses da comarca, e pidan perdón a todas esas persoas que están a engrosar as listas do paro ou que ven como os seus pequenos negocios perden boa parte da actividade por culpa da paralización de obras coma os tramos da A-8 en Lourenzá e Mondoñedo”.
Consideran que a situación é o suficientemente grave como para que as forzas e colectivos sociais non permanezan caladas ante os problemas que se derivarán dos recortes orzamentarios aplicados por José Blanco. “É o momento de dar a cara, xa que os deputados provinciais socialistas pola Mariña nin tan siquera se dignan a falar no pleno da Deputación nin por este nin por outros asuntos que nos afectan”, engaden.