Lugo, 1 de xullo de 2022. Medio Rural da Deputación de Lugo colabora co proxecto Eo Alimenta, unha iniciativa que reúne persoas produtoras e consumidoras, grupos de desenvolvemento rural e sindicatos agrarios e concellos da Mariña e do Occidente Asturiano co obxectivo de impulsar modelos de produción, distribución e consumo sostibles e de proximidade.
A deputada Mónica Freire participou este xoves en Ribadeo nun acto en que se presentou a Estratexia Alimentaria Eo Alimenta, o documento que recolle as medidas e iniaciativas a desenvolver por este grupo de traballo, centradas na produción agroecolóxica e na sensibilización sobre a importancia dun modelo de alimentación de proximidade para a saúde. Ademais, durante o encontro, avanzouse a celebración do Festival da Alimentación Sostible dos vindeiros 23 e 24 de setembro, en Ribadeo.
A responsábel provincial sinalou a necesidade destas iniciativas para “avanzar cara a soberanía alimentaria, nun momento no que o cambio climático e a escaseza nos mercados internacionais demostran a importancia de fortalecer a produción primaria agraria”.
“Só deste xeito poderemos fomentar a viabilidade de novos procesos de emprendemento no rural, consolidando o consumo de alimentos decalidade diferenciada, de proximidade, con canais curtas de distribución, e cunha baixa pegada de carbono, fixando ademais a poboación no noso territorio”, engadiu a deputada mariñá, que lembrou o apoio da área de Medio Rural a outras iniciativas que poñen en valor a produción agroalimentaria de calidade e facilitan a venda directa como a plataforma de comercio electrónico “Son de Lugo”, con produtos agroalimentarios de toda a provincia.