Ante a escaseza de persoal e a imposibilidade legal de contratar persoal de apoio, a intervención do equipo existente farase por medio de aviso ao 112.
Barreiros, 1 de xullo de 2022. O Concello de Barreiros anunciou que a escaseza de persoal de salvamento e socorrismo impide contar cun servizo áxil e operativo con cobertura por terra; polo que contará con lancha salvavidas activa e persoal técnico sanitario que acudirá aos avisos do 112.
Barreiros contará con un operativo composto por persoal de socorrismo e primeiros auxilios, máis o patrón da embarcación, tras abrir o proceso de selección por medio dunha bolsa de emprego a primeiros de xuño e non lograr cubrir un mínimo de persoal axeitado.
No caso do persoal de socorrismo, presentáronse seis persoas coa documentación oficial necesaria actualizada, das que finalmente só un aceptou o traballo nas praias barreirenses.
Nesta situación, Barreiros mantén aberto o prazo de presentación, por se houbese persoas interesadas en incorporarse durante a tempada.
Xunto coa contratación de socorristas, abriuse tamén prazo para a contratación de persoal técnico sanitario e persoal auxiliar de información e primeiros auxilios, figura á que en anos anteriores acudiu o Concello de Barreiros para contar con persoal de prevención en terra, coordinadamente co servizo de socorrismo.
Limitacións normativas á contratación
Para esta tempada a Xunta de Galicia aprobou unha nova normativa que regula non só os socorristas, senón tamén o persoal auxiliar; limitando e vinculando a súa contratación ao número de socorristas. Neste sentido, a actual normativa galega non permite a contratación de máis dunha persoa auxiliar por cada dous socorristas. Isto limitou a contratación deste persoal que noutras ocasións se ten utilizado polo Concello de Barreiros para coordinar co servizo de socorrismo e levar a cabo actuacións de información e prevención.
A escaseza de persoal de socorrismo e as condicións das axudas da Xunta, condicionan o finanzamento
A alcaldesa de Barreiros sinala tamén que neste ano o Concello de Barreiros optou por destinar fondos propios municipais para financiar estes servizos, xa que as condicións das subvencións abertas pola Xunta complican a contratación con eses fondos, como se pode comprobar co feito de que cada vez máis concellos optan por non solicitalas ou renunciar ás mesmas.
O esforzo orzamentario feito polo Concello tratou de evitar que os prazos dos trámites administrativos se prolongaran dificultando aínda máis a contratación, xa que ao non depender de fondos da Xunta, o proceso puido abrirse máis cedo, sendo Barreiros dos primeiros concellos que comezou cos procesos de contratación do persoal. Aínda así, os requisitos de profesionalidade esixidos para a contratación deste persoal, impediu a cobertura axeitada do servizo.
Chamada á prudencia e á colaboración
Ante esta complicada situación, a alcaldesa quere facer un chamamento á prudencia extrema, xa que non poderá haber persoal que informe sobre o estado do mar, no caso de que se descoñezan os perigos marítimos; evitando situacións de risco que poñan en perigo a integridade das persoas.
A rexedora tamén solicitou colaboración no caso de que se visualice unha situación de emerxencia, dando aviso ao 112 para que se active o operativo necesario.