Ribadeo, 30 de xuño de 2022. O Concello realiza estes días un pintado xeral das rúas de Ribadeo coa nova máquina adquirida para facer estes traballos.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que “mercamos unha máquina de pintado para o servizo de obras e estámola a estrear estes días nas rúas de Ribadeo. O investimento que realizamos foi de 8.000 euros”.
A edil ribadense contou que “empezamos a pintar os pasos de peóns, dándolle así prioridade á visibilidade e á seguridade viaria, tanto dos peóns como dos condutores. Aproveitamos para realizar estes traballos de pintado no verán porque é o mellor momento para facelo, xa que precisamos tempo seco”.
Freire Rancaño engadiu que “queremos deixar case todo listo para a celebración do vindeiro Ribadeo Indiano. Ademais de mellorar a visibilidade e a seguridade queremos ter a nosa vila o mellor posible nesta época na que nos visitan milleiros de persoas”.