Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2022. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Asociación Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado, por un importe de 140.000 euros para o mantemento dunha vivenda tutelada para mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero. O obxectivo principal desta iniciativa é proporcionar apoio, aloxamento, manutención e atención integral a estas mulleres e os seus fillas e fillos garantíndolles un espazo de protección e recuperación no marco da Rede galega de acollemento.
O acordo forma parte das medidas que está a poñer en marcha o Goberno galego a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A Asociación Saúde Mental A Mariña ten entre os seus obxectivos prestar asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación psicosocial, así como apoio ás súas familias. Conta cunha longa experiencia neste eido, en concreto, na xestión de dispositivos de apoio e programas terapéuticos, sendo a única entidade destas características na Mariña lucense.
A Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, con centros situados nas localidades da Coruña, Vigo, Ourense, Ferrol, Lugo, Burela e Chantada, contan cun total de 84 prazas e disporán en 2022 de apoios da Xunta por valor de 691.850€. Desde 2009, un total de 3.274 persoas (1.799 mulleres e 1.475 menores) foron atendidas polos centros da Rede de Acollemento para vítimas da violencia de xénero. Entre 2009 e 2022, a Xunta terá destinados más de 4,8 millóns de euros a garantir o funcionamento e a continuidade destes recursos imprescindibles como paso previo á vida autónoma.
Estes recintos ofrecen apoio residencial e temporal e atenden e contribúen á recuperación das mulleres vítimas de violencia de xénero e menores ao seu cargo. Ofrécenlles un espazo de protección coa garantía dun tratamento integral que presta atención a aspectos de carácter psicolóxico, educativo, sociolaborais e xurídicos, co obxectivo de favorecer a normalización da situación persoal, da unidade familiar e, en definitiva, a superación dos efectos da violencia.